Bolsas de formación en Acuicultura
A Consellería do Mar ven de publicar as bases que rexerán a convocatoria de 4 bolsas de formación en réxime de empresa tutelada para os/as titulados/as en ciclos formativos de acuicultura e se procede á súa convocatoria (código de procedemento PE601C), para a realización de prácticas de produción de cría de bivalvos para os anos 2026, 2027 e 2028 (código de procedemento PE601C).
Poderán ser beneficiarias destas bolsas as persoas solicitantes que cumpran os seguintes requisitos:
a) Estar en posesión dun ciclo formativo de acuicultura na data de remate do prazo de presentación de solicitudes desta orde de convocatoria. Poden presentarse aqueles/as alumnos/as titulados/as como técnicos/as en Cultivos Acuícolas (FP-ciclo medio) ou técnicos/as en Acuicultura (FP-ciclo superior).
b) Ter nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea ou ser estranxeiro/a con permiso de residencia en España no momento de solicitar a bolsa.
c) Posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.
d) Non ter sido beneficiario/a destas bolsas ou outras similares en anteriores convocatorias, excepto que no conxunto das convocatorias anteriores gozasen da bolsa por un período de tempo non superior a 5 meses.
e) Non ter emprego remunerado nin gozar doutra bolsa similar a esta. Noutro caso, deberá renunciarse ao emprego ou á bolsa con anterioridade ao inicio da formación.
f) Acreditar o coñecemento da lingua galega, Celga 3.
Características das bolsas:
- As bolsas terán unha duración de dous (2) anos, contados desde a data indicada na resolución de concesión da bolsa, e sen posibilidade de prórroga.
- O importe bruto mensual de cada bolsa será de mil euros (1.000,00 €).
- As persoas beneficiarias realizarán as actividades prácticas de produción de cría de bivalvos nas instalacións do Instituto Galego de Formación en Acuicultura na Illa de Arousa (Igafa).
- Cada bolseiro/a contará con titores/as nomeados/as pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro. Os/as titores/as elaborarán un plano formativo para os/as bolseiros/as en que quedará reflectido o horario de traballo e as normas de funcionamento do centro onde realizan a súa formación.
- as persoas bolseiras estarán incluídas no réxime xeral da Seguridade Social por continxencias comúns e profesionais. Non existirá obriga de cotizar pola continxencia de desemprego, así como tampouco ao Fondo de Garantía Salarial nin por formación profesional.
Prazo de presentación de solicitudes: do 4 de xuño ao 6 de xullo de 2026.
Máis información: DOG DE 03/06/2026




Comments