Ir o contido principal
REGA25

Axudas REGA 2025. Residencias artísticas do Gaiás

As axudas REGA para o desenvolvemento de residencias artísticas na Cidade da Cultura abren a súa cuarta convocatoria con dúas novidades importantes: Primeiro, amplíase ata seis o número proxectos beneficiarios das axudas, e tamén, incorpórase a disciplina das artes dixitais ás xa contempladas noutras edicións: artes visuais, escénicas, música e deseño. No caso das artes escénicas, concederanse un máximo de dúas axudas.

Cada proxecto seleccionado recibirá unha axuda de 8.000€, que inclúe o desenvolvemento, gastos de transporte, estancia, manutención e gastos da presentación pública do resultado da residencia.
Poderá solicitar as axudas REGA calquera persoa interesada en realizar un proxecto artístico vencellado a unha das cinco categorías mencionadas nas bases (artes visuais, escénicas, dixitais, música e deseño), cuxo resultado poderá ter unha vertente de investigación, unha dimensión práctica ou mixta.

A selección dos proxectos beneficiarios farase en réxime de concorrencia competitiva e o tribunal valorará de maneira positiva a ligazón das propostas con outras disciplinas non recollidas nas bases, tendo en conta o carácter híbrido da cultura actual.

As residencias terán unha duración de entre tres semanas e mes e medio máximo, e desenvolveranse entre os meses de setembro e novembro de 2025 nos espazos dispoñibles para este cometido na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela.
O resultado darase a coñecer de maneira pública no Gaiás ao remate da residencia, en data consensuada coa Fundación Cidade da Cultura.

Quen pode participar:
Poderá participar nesta convocatoria calquera persoa física, estea ou non dada de alta no réxime especial de persoas autónomas, que desenvolva un proxecto artístico, vencellado ás artes visuais, escénicas, musicais, dixitais ou de deseño.

O prazo de solicitude está aberto desde o 24 de abril ao 23 de maio de 2025, ambos incluídos.

Cada participante poderá presentar unha única solicitude e non se poderá optar a máis dunha axuda por solicitude.

Os proxectos deberán ser de creación específica, orixinais e inéditos.

As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude unha memoria do proxecto na que deberá constar:
A) Categoría a que se atopa vencellado o proxecto (artes visuais, escénicas, musicais, dixitais ou de deseño).
B) Nome do proxecto e identificación da persoa física que solicita a axuda.
C) Concepto/idea artística incluíndo obxectivos que se pretenden acadar.
D) Viabilidade da súa materialización, tanto no resultado práctico como no resultado de investigación, incluíndo orzamento previsto a modo de valoración.
E) Xustificación da oportunidade na traxectoria artística da/s persoa/s participante/s.

A extensión máxima desta memoria será de 30 páxinas en formato PDF.
Este documento serve de base para a valoración, polo que deberá reflectir claramente o contido do proxecto.

Dotación:
Cada axuda está dotada cunha achega de 8.000 euros, suxeito ás retencións que sexan de aplicación. Ademais da dotación en metálico, a Fundación Cidade da Cultura porá a disposición das persoas beneficiarias:
-Un espazo para desenvolver a residencia.
-Os recursos humanos propios de seguimento técnico de cada proxecto.
-Unha persoa mentora especialista en cada tipoloxía que acompañará cada proxecto.
-O pago da dotación económica será en dous prazos; o 75% ao inicio do período de residencia e o 25% restante coa presentación da memoria final (que deberá realizarse antes do 25 de novembro de 2025).

Máis información:
Bases da convocatoria
Solicitude sede electrónica da Xunta de Galicia

 

Comments