Convocatoria de subvencións a entidades sociais en Carballo 2025
O Concello de Carballo publicou a convocatoria de subvencións destinadas a asociacións e entidades sen ánimo de lucro que desenvolvan actividades de interese social no municipio. O obxecto destas axudas é apoiar proxectos relacionados cos servizos sociais, que inclúan accións en ámbitos como a comunidade, familia, infancia e xuventude, discapacidade, vellez, muller, condutas adictivas, minorías étnicas ou exclusión social, así como programas de carácter formativo ou asistencial.
Poderán solicitar estas subvencións tanto as entidades con domicilio social en Carballo como aquelas sen domicilio no municipio pero que realicen actividades de interese municipal. Os gastos subvencionables inclúen, entre outros, retribucións de persoal, gastos de mantemento da entidade e seguros de accidentes ou responsabilidade civil.
O procedemento de concesión é en réxime de concorrencia competitiva, e a puntuación mínima para ser subvencionado é de 30 puntos sobre 100. As solicitudes presentaranse de maneira telemática a través da sede electrónica do Concello de Carballo (https://sede.carballo.org/opencms/gl/) durante un prazo de 20 días naturais contados desde a publicación do extracto no Boletín Oficial da Provincia.
Toda a información completa sobre a convocatoria pode consultarse na Base de Datos Nacional de Subvenciones (BDNS): https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/856629




Comments