Skip to main content
salud mental

A Deputación de Pontevedra impulsa o programa “En plan ben: aulas saudables” para fortalecer o benestar emocional da mocidade

A Deputación de Pontevedra vén de poñer en marcha a primeira convocatoria do programa “En plan ben: aulas saudables”, unha iniciativa pioneira que busca promover a saúde mental e o benestar emocional do alumnado de educación secundaria obrigatoria e bacharelato dos concellos de reto demográfico da provincia. En total, poderán beneficiarse 34 centros públicos durante o curso 2025/2026.

Co obxectivo de crear espazos educativos máis saudables e protectores, o programa ofrecerá obradoiros específicos para o alumnado, o profesorado e as familias, cun enfoque práctico de prevención de condutas de risco e fortalecemento das habilidades emocionais.

Os centros participantes recibirán:

• Dúas sesións formativas de 4 horas para dous grupos de alumnado (entre 25 e 30 estudantes)
• Unha formación de 4 horas para o profesorado e equipos de orientación
• Unha sesión de 2 horas dirixida ás familias e ás anpas

As temáticas a escoller estarán centradas en problemáticas como as autolesións e ideación suicida, a diversidade e os trastornos de conduta alimentaria, o acoso e ciberacoso, as violencias sexuais e o consumo de sustancias.

📅 O prazo para presentar solicitudes estará aberto do 3 ao 14 de novembro de 2025 a través da Sede electrónica da Deputación de Pontevedra.

A institución provincial reforza así o seu compromiso cunha mocidade máis informada, acompañada e empoderada para afrontar os retos emocionais dunha sociedade en constante cambio.

Toda a información, bases reguladoras e acceso ao trámite están dispoñibles na Sede electrónica: sede.depo.gal

Comments