Skip to main content
foco

Premios #Mulleres no Foco

A Deputación de Pontevedra abriu a convocatoria da sexta edición dos Premios #Mulleres no Foco, unha iniciativa destinada a incentivar, apoiar e visibilizar o papel das mulleres profesionais do sector audiovisual galego.

Os galardóns, promovidos en colaboración coa Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais (CIMA), teñen como finalidade contribuír á redución da infrarrepresentación feminina no audiovisual e recoñecer o traballo das profesionais que destacan pola súa traxectoria, talento e compromiso coa igualdade de xénero.

A convocatoria contempla a concesión de tres premios dotados con 5.000 euros cada un, ata un importe total de 15.000 euros. As distincións recoñecerán tanto obras ou proxectos desenvolvidos durante o ano 2025 como traxectorias profesionais consolidadas, talento emerxente e o labor pioneiro de mulleres que abriron camiño no sector.

As candidaturas poderán ser presentadas por persoas integrantes do xurado ou por entidades locais, culturais e profesionais de ámbito galego vinculadas ao audiovisual. Entre os criterios de valoración figuran a calidade da traxectoria profesional, a incorporación da perspectiva de xénero nos traballos realizados e o activismo en defensa do recoñecemento das mulleres no sector.

As solicitudes deberán formalizarse por vía electrónica a través da sede electrónica da Deputación de Pontevedra. O prazo de presentación será dun mes contado desde o día seguinte á publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra e na Base de Datos Nacional de Subvencións.

Máis información: sede electrónica da Deputación de Pontevedra.

Comments