Pasar al contenido principal
 

Qué é Iniciativa Xove?

O programa de participación xuvenil Iniciativa Xove, promovido pola dirección xeral competente en materia de xuventude dende o ano 2010, supuxo no seu momento a posta en marcha dun novo modelo de participación xuvenil no marco da renovación das políticas de xuventude cara a programas que buscaban mellorar ou facilitar a empregabilidade e o emprendemento a través da educación non formal da nosa mocidade.

Iniciativa Xove naceu, pois, como un programa pioneiro de participación xuvenil para potenciar o liderado e as competencias transversais para a empregabilidade da mocidade, a través do financiamento de proxectos pensados e xestionados polas propias mozas e mozos.

A propia Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia prioriza a participación e o espírito de protagonismo dos mozos e mozas, pivotando dun xeito primordial sobre a participación da mocidade na sociedade, xa sexa dun modo individual como a través de fórmulas asociativas e mediante grupos informais.

Nesta liña, dirección xeral competente en materia de xuventude apostou polo deseño e posta en marcha de programas que facilitasen a participación das mozas e mozos galegos en proxectos xuvenís, apoiando as súas iniciativas sen tutelalas e como unha vía máis para axudarlles na transición da educación ao emprego. Así naceu Iniciativa Xove, como unha ferramenta para estimular o espírito de protagonismo e liderado das persoas mozas, constituíndose como unha escola de cidadanía activa que permite potenciar o talento dos líderes do futuro.

Iniciativa Xove representou o compromiso da Xunta de Galicia coa educación non formal, como ferramenta para estimular o protagonismo da xuventude. Ofrecerlles ás persoas mozas espazos e recursos para fomentar a súa participación na vida pública e en áreas de interese para a xuventude, así como favorecer o acceso a unha educación non formal de calidade e para todos os mozos e mozas, son obxectivos prioritarios para a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
No ano 2024 estas axudas non foron convocadas. Neste 2025 retómase esta iniciativa, un dos programas con maior aceptación entre a mocidade, dándoselle unha especial valoración aos proxectos que teñan unha vocación de permanencia no tempo de cara a favorecer a empregabilidade, o emprendemento, e o cooperativismo. Para estes efectos, e co obxectivo de crear sinerxías que poidan constituír o xerme dunha futura oportunidade laboral, facilitarase a comunicación das persoas
beneficiarias, particularmente dos grupos informais, cos Polos de emprendemento co obxectivo de obter o apoio e asesoramento necesarios para que os seus proxectos vinculados ao territorio poidan consolidarse.

Como novidade, outorgarase ademais un galardón conmemorativo do programa, en forma de recoñecemento público, aos tres proxectos que acaden as maiores puntuacións, tanto por parte das entidades coma dos grupos informais. Estes  galardóns non terán a condición de subvención, por se outorgaren sen previa solicitude da persoa beneficiaria.

Así, as tres entidades e os tres grupos informais beneficiarias que presentasen os proxectos coas maiores puntuacións recibirán un galardón conmemorativo do programa. Estes galardóns serán entregados nun acto público, co obxecto de darlle a maior visibilidade e difusión aos seus proxectos.

Dado que as entidades xuvenís desempeñan un papel fundamental nos diversos ámbitos da actividade social, contribuíndo a un exercicio activo da cidadanía e á consolidación dunha democracia avanzada, representando os intereses da mocidade perante os poderes públicos e desenvolvendo unha función especial e imprescindible na política de xuventude, a presentación desta iniciativa ao Consello da Xunta de Galicia busca informar aos seus membros do seu obxecto e das súas liñas principais, ao tempo que pretende lograr a maior difusión posible para garantir o éxito do programa.

Quen pode solicitar estas axudas?

- As asociacións xuvenís, as entidades prestadoras de servizos á xuventude e as súas respectivas federacións, sempre que, no caso destas últimas, o proxecto que presenten sexa diferente do que presenten, no seu caso, as asociacións xuvenís ou entidades prestadoras que formen parte da federación. Deberán estar inscritas, no momento de presentación da solicitude, no censo oficial dependente organicamente da Dirección Xeral de Xuventude, regulado na Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia, e no Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de xuventude, e cumprir a legalidade vixente no referente ás idades das persoas membros das asociacións xuvenís, de conformidade co Real decreto 397/1988, do 22 de abril, polo que se regula a inscrición rexistral de asociacións xuvenís.

- Os grupos informais de persoas mozas que desexen realizar unha iniciativa xuvenil e que reúnan os seguintes requisitos:

    -- estar formados por un mínimo de 5 e un máximo de 8 persoas mozas con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos, debidamente identificadas.

    -- estar empadroadas nalgún dos municipios pertencentes á Comunidade Autónoma de Galicia no momento de presentación da solicitude e non poderá modificarse a composición do grupo unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes

    -- Non se admitirá que unha mesma persoa forme parte ou pertenza a outro grupo ou asociación solicitante destas axudas.

INICIATIVA XOVE

Qué tipo de actividades se poden acoller a estas axudas?

Os proxectos subvencionables deben levarse a cabo no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e versar sobre algunha ou algunhas das seguintes áreas de actuación:

a) Iniciativa Xove Emprendedora, formada por proxectos que lle permitan á mocidade poñer en marcha as súas ideas no ámbito do emprendemento e da empregabilidade.

b) Promoción de hábitos saudables, fomento da actividade física e o deporte, e prevención de condutas de risco ou violentas entre a poboación xuvenil, así como sensibilización e loita contra calquera forma de discriminación, en especial contra a violencia de xénero.

c) Posta en valor e promoción do Camiño de Santiago e do fenómeno xacobeo.

d) Fomento de actitudes creativas e innovadoras da xuventude na súa comunidade e na súa contorna.

e) Fomento da inclusión social e laboral e da accesibilidade das persoas mozas pertencentes a colectivos con dificultades de integración ou especialmente vulnerables.

f) Promoción de sectores emerxentes vinculados ao sector das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC).

g) Fomento da participación e do empoderamento das mulleres novas galegas. h) Promoción de actitudes e hábitos sustentables e de concienciación sobre o cambio climático, así como de posta en valor do patrimonio cultural e natural.

i) Desenvolvemento e dinamización do medio rural.

j) Dinamización da lingua galega entre a mocidade.

k) Transmisión e posta en valor dos oficios tradicionais galegos entre a mocidade.

l) Promoción do benestar emocional e coidado da saúde mental das persoas mozas.

O orzamento de cada proxecto non poderá superar os 5.000 euros, financiándose a través do programa Iniciativa Xove o cento por cento do proxecto. Ademais, para que a falta de liquidez non sexa un impedimento para levar a cabo os proxectos, os beneficiarios poderán solicitar anticipos de pagamento de ata o oitenta por cento do importe total da subvención concedida, unha vez publicada a resolución de concesión.

Serán subvencionables os gastos que financien as actividades realizadas dende o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro de 2025 e o prazo de xustificación da axuda estenderase ata o 15 de novembro.

Como se poden solicitar?

As persoas solicitantes deberán achegar a solicitude segundo o modelo normalizado que figura como Anexo I.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Onde podo informarme?

Na Dirección Xeral de Xuventude, no teléfono 981 544 866 ou no enderezo electrónico instituto.xuventude@xunta.gal

FOLLETO INFORMATIVO