Pasar al contenido principal
 

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, consciente da importancia que ten facilitar vías polas que poida manifestarse a actividade e inquedanza artística individual e colectiva da xuventude galega, convoca anualmente o programa Xuventude Crea, un certame de creadores novos que pretende estimular e apoiar a imaxinación, a creatividade e a innovación.

Xuventude Crea pretende actuar como estímulo económico para a mocidade, pero ante todo quere ser un trampolín para mostrar as propostas da mocidade galega, un escaparate no que o público poida coñecer estes novos talentos e as súas obras nun amplo abano de especialidades artísticas, e tamén ofrecerlles a oportunidade de dar a coñecer o que fan, actuar como a canle de divulgación das inquietudes artísticas individuais e colectivas da xuventude galega, e fomentar entre os mozos/as actividades de ocio e tempo libre saudable.

O programa Xuventude Crea é un programa moi consolidado e reputado no eido cultural e artístico galego no que xa participaron preto de 5363 mozos e mozas, con 3.988 obras e proxectos creativos e no que se repartiron 633 premios por importe total de 966.050 euros e 86 mencións de honra.

Coa nova convocatoria deste ano 2025, o programa cumpre 16 anos e a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude quere fortalecer o éxito do programa introducindo importantes novidades coas que, ademais, pretende reforzar a transversalidade das políticas públicas en materia de xuventude e a coordinación entres os distintos departamentos da Xunta de Galicia, en concreto coa Secretaría Xeral de Emigración, coa Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais e coa Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC).

PERSOAS DESTINATARIAS

Poderán solicitar a participación na obtención dos premios nas especialidades do Programa Xuventude Crea 2025 as persoas non profesionais - exceptúase este requisito para a especialidade de teatro, modalidade Pro, nos termos establecidos no capítulo II para esta especialidade - e que cumpran os seguintes requisitos:

A. Posuír nacionalidade española, ser nacional dun país membro da Unión Europea, ou ser persoa estranxeira residente en España no momento de presentación da solicitude e desenvolver a actividade artística nalgunha das modalidades obxecto destes premios maioritariamente na Comunidade Autónoma de Galicia.

B. Ser descendente de persoa emigrante galega ata o terceiro grao ou ter residencia habitual no estranxeiro pero vinculado con calquera concello galego no padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE).

C. Ter unha idade comprendidas entre os 16 e os 30 anos cumpridos no ano 2025, agás o establecido no capítulo II para cada especialidade.

PREMIOS

A dotación económica dos premios por cada unha das especialidades é:

1º premio: 2.000 euros

2º premio: 1.500 euros

3º premio: 1.000 euros

Un premio especial de 1.000 € para a modalidade de música clásica da especialidade de música.

Aquelas persoas que gañasen o primeiro premio dunha especialidade das convocadas na edición do ano anterior, non poderán participar na mesma especialidade na presente convocatoria.

Ademais dos premios, a convocatoria prevé axudas económicas para as persoas participantes que accedan á fase final de determinadas especialidades e, o que é máis importante, as obras finalistas e premiadas terán a vantaxe de ser obxecto de difusión e promoción de forma que se fará visible o talento e a creatividade das persoas autoras.

NOVIDADE

Incorpórase como novidade o seguinte requisito para todas as especialidades:

  • As obras presentadas non poderán incluír contidos creados con intelixencia artificial.

PRAZO DE PRESENTACIÓN DAS OBRAS

O prazo de presentación de solicitudes iniciarase o día 30 de agosto e rematará o 29 de setembro de 2025.

 

XUVENTUDE CREA

ESPECIALIDADES

As 16 especialidades artísticas que se convocan son as seguintes:

Artes plásticas: Coas modalidades de pintura e escultura. As obras serán orixinais e o tema e as técnicas serán libres. Presentaranse unha ou varias fotografías en cor ou branco e negro. No caso de obras escultóricas, as fotografías deberán presentarse desde diferentes perspectivas.

Arte urbana: As obras serán orixinais, inéditas e, de ter texto, este estará en galego. O tema e a técnica serán libres.

Banda deseñada: As obras serán orixinais e inéditas, de temática libre e con textos en galego. A técnica pode ser calquera, en branco e negro ou en cor. A obra presentarase en formato dixital (tamaño de páxina A4 ou A3) e extensión mínima de 10 páxinas.

Cociña: As receitas poderán ser individuais ou en parella. Só se admitirá unha receita por participante. Pode tratarse dun prato salgado ou doce, e a base da receita será a utilización de produtos avalados polas diferentes denominacións de orixe de Galicia ou ben pola Federación de Prazas de Abastos de Galicia. O tempo de elaboración da receita será para todas as persoas participantes de 2 horas.

A obra gañadora do primeiro premio poderá ser proposta para participar en eventos gastronómicos cos que colabore a Dirección Xeral de Xuventude así como en eventos de similar natureza.

Creación de contido: As obras poderán ser individuais ou en grupo e serán orixinais, inéditas e en galego. O tema será a marca “Galicia” e debe incluír unha presentación do seu autor.

Creación de videoxogos: As obras poderán ser individuais ou en grupo. Admitirase que ata un 25% das persoas compoñentes do grupo supere os 30 anos. Consistirán nun prototipo funcional ou xogo completo co aspecto e calidade final. Serán orixinais, inéditas e os textos e audios en galego, agás a banda sonora, que poderá estar en calquera lingua. A temática será libre. Os videoxogos deberán dispoñer, como mínimo, de versións para Windows ou MacOS e deberán ser manexables con teclado e rato.

A obra gañadora do primeiro premio poderá ser proposta para participar en feiras de videoxogos cos que colabore a Dirección Xeral de Xuventude así como en eventos de similar natureza.

Danza moderna: Coas disciplinas de danza contemporánea, danza urbana, jazz-lírico e danza experimental. As obras poderán ser individuais ou en grupo, neste último caso poderán ter un mínimo de 2 e máximo de 30 integrantes. A duración da actuación non pode superar os cinco (5) minutos e a coreografía debe ser inédita.

Deseño de xoias: A colección, que poderá ser tanto para home como para muller, debe ser orixinal e estará composta por 3 xoias. O remate das pezas debe traballarse en metal con pezas de xoiería, excluíndo a utilización de pezas compradas.

A obra gañadora do primeiro premio poderá ser proposta para participar en eventos de referencia deste sector artístico cos que colabore a Dirección Xeral de Xuventude así como en eventos de similar natureza.

DJ (disc-jóckey): As obras poderán ser individuais ou en parella. As sesións poderán ser producidas en calquera formato de vídeo ou en audio e terán unha duración máxima de 20 minutos.

A obra gañadora do primeiro premio poderá ser proposta para participar en festivais de música cos que colabore a Dirección Xeral de Xuventude así como en eventos de similar natureza.

Fotografía: As obras serán orixinais e o tema e as técnicas serán libres. Poderán presentarse unha ou varias fotografías, ata un máximo de 6, en cor ou branco e negro.

Moda: As coleccións deben ser orixinais e coherentes, con 5 modelos de home ou muller. Será necesario definir o tecido utilizado e os complementos para cada un dos modelos presentados. Presentaranse estes deseños en láminas de formato A3 (297 mm x 420 mm), con deseño de fronte e de costas.

A colección gañadora do primeiro premio poderá ser proposta para participar en eventos de referencia da moda cos que colabore a Dirección Xeral de Xuventude así como en eventos de similar natureza.

MúsicaPoderán concorrer solistas e grupos de pop, folk, rock, hip-hop e demais variedades de música contemporánea, así como solistas e grupos de música clásica que serán os que poidan optar, ademais, ao premio especial de 1.000 euros. Admitirase que ata un 25% das persoas compoñentes do grupo supere os 30 anos. Tamén poderá superar a idade máxima a persoa que desenvolva a función de acompañamento musical coas persoas participantes que se presenten como solistas. Os temas serán de creación propia e nunca antes editados comercialmente, agás na modalidade de música clásica.

A obra gañadora do primeiro premio poderá ser proposta para participar en festivais de música de Galicia cos que colabore a Dirección Xeral de Xuventude así como en eventos de similar natureza.

Novela curta: A obra será orixinal, inédita e en galego. O tema será libre. A obra realizarase a ordenador, en tamaño 12, tipografía Arial e a dobre espazo. Terá unha extensión mínima de 80 páxinas e máxima de 200 e as follas estarán numeradas.

Poesía: A obra será orixinal, inédita e en galego. O tema e a técnica serán libres. A obra realizarase a ordenador, en tamaño 12, tipografía Arial e a dobre espazo. Terá unha extensión mínima de 50 versos e máxima de 100 e as follas estarán numeradas.

Teatro: Créanse dúas modalidades dentro da especialidade:

a) Amador: para grupos de teatro xuvenís vinculados a centros de educación secundaria, grupos de teatro amadores ou escolas municipais de teatro, entre outros.

b) Pro: para compañías de teatro de nova creación, profesionais emerxentes, grupos de teatro formados por alumnado ou egresados da Escola Superior de Arte Dramático de Galicia, entre outros.

Poderán concorrer persoas individualmente ou grupos teatrais, non profesionais, que desenvolvan a súa actividade maioritariamente na Comunidade Autónoma de Galicia e o acrediten suficientemente coa oportuna documentación xustificativa, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos cumpridos no ano 2025. Un 75% das persoas compoñentes do grupo deberán cumprir os requisitos de idade e traxectoria profesional. As representacións serán en lingua galega. As obras poderán ser de autoría galega, española ou estranxeira. Poderán presentarse obras orixinais e a duración da representación de cada obra non poderá ser inferior a trinta minutos nin exceder dunha hora e trinta minutos.

Na modalidade Pro, ademais do premio económico, a Dirección Xeral de Xuventude comprométese a estudar a posible colaboración co Centro Dramático Galego para que, a través das canles xurídicas oportunas, este poida apoiar ás persoas gañadoras do primeiro premio na modalidade PRO impulsando o lanzamento do seu proxecto artístico.

Videocreación: As obras poderán ser individuais ou en grupo e serán orixinais, inéditas e en galego. O tema será libre, mais deberá dar prioridade aos contidos artísticos e culturais dunha maneira innovadora e experimental (é dicir, que se sitúa fóra dos códigos convencionais, que aposta por fórmulas audiovisuais onde se dá prioridade á subxectividade). As obras poderán ser producidas en calquera formato de vídeo. A duración de cada obra será dun mínimo de 2 minutos e un máximo de 8 minutos e a súa realización debe ser posterior ao 1 de xaneiro de 2025.

A obra gañadora do primeiro premio poderá ser proposta para participar en festivais de cine de Galicia cos que colabore a Dirección Xeral de Xuventude así como en eventos de similar natureza.

As persoas ou grupos das obras gañadoras de todas as especialidades terán a posibilidade de entrar na selección dun programa de formación e mentorizaxe para poñer en marcha o seu proxecto empresarial.

DOG CONVOCATORIA

Orde, do 14 de agosto de 2025, pola que se establecen as bases que rexen os premios do programa Xuventude Crea e se procede a súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento BS310Q) 

 

 

 

 

 

 

MÁIS INFORMACIÓN:

Teléfonos: 981-545822 / 981-545702 / 981-541689 / 881-999049 / 881-999567

Correo electrónico: xuventudecrea.cps@xunta.gal

 

Acceda aos catálogos Xuventude Crea na Libraría institucional da Xunta de Galicia

Noticias Relacionadas