Pasar al contenido principal
 

No marco do programa “A Xuventude no mundo” ao abeiro das relacións bilaterais que a Xunta de Galicia mantén con entidades doutros países, a Dirección Xeral de Xuventude, da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude convoca un intercambio xuvenil á Prefectura de Wakayama (Xapón):

 País  Entidade de acollida  Nº prazas  Datas de realización
 XAPÓN(Wakayama)  Prefectura de Wakayama  15  5-10 setembro 2026

Obxectivos: facilitar o coñecemento doutras realidades socioculturais e lingüísticas para a comprensión da diversidade cultural e favorecer e potenciar a adquisición de habilidades e competencias non formais que faciliten o desenvolvemento persoal dos mozos e mozas.

Destinatarios: mozos e mozas galegos residentes en Galicia con idades comprendidas entre os 18 e 30 anos de idade no momento de realizarse o intercambio (as persoas nacidas no ano 2008 deberán ter cumprido 18 anos ao inicio do intercambio e as persoas nacidas no ano 1995 non poderán cumprir 31 anos antes da finalización do intercambio).

Non poderán participar no intercambio os mozos e mozas que participaran noutro intercambio ao mesmo país no marco do programa “A Xuventude no mundo” nas últimas tres edicións realizadas (2023 e 2024 e 2025).

Prazo de inscrición: do 22 ao 29 de maio de 2026 (incluído), ou ata esgotar as prazas. O formulario estará dispoñible desde as 12:00 horas do 22 de maio.

Inscrición: mediante envío de formulario electrónico dentro do prazo establecido. Os erros nos datos facilitados na solicitude de participación ou a omisión dalgún deles pode ocasionar a desestimación da solicitude.

Admisión: será por rigorosa orde de inscrición, ata cubrir a totalidade de prazas convocadas para o intercambio.

Unha vez pechado o prazo de inscrición, e nos 3 días seguintes, as primeiras 15 persoas seleccionadas recibirán un correo electrónico de confirmación da praza e no que se solicitará a remisión, no prazo de 2 días hábiles, da seguinte documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos:

  1. Copia do Documento Nacional de Identidade (no caso de non achegalo deberán autorizar expresamente a súa consulta pola administración)
  2. Certificado de empadroamento emitido polo concello (no caso de non achegalo deberán autorizar expresamente a consulta de datos padroais pola administración)

A non remisión desta documentación no prazo indicado ou o non cumprimento dos requisitos suporá a perda da praza no intercambio.

Adxudicación: Tras a comprobación dos requisitos anteriores, os adxudicatarios recibirán un correo para que acheguen á seguinte dirección de correo electrónico wakayama.xuventude@xunta.gal, nos 5 días hábiles seguintes:

  1. Unha copia do billete de transporte adquirido para desprazarse ata a cidade do país de realización do intercambio. Non é documento válido a reserva de voo ou medio de transporte elixido.
  2. Unha copia do seguro de viaxe, de accidentes e de enfermidade.
  3. Unha copia do pasaporte.

A non remisión destes documentos no prazo establecido suporá a perda da praza no intercambio.

De producirse baixas despois de adxudicarse as prazas, ofertaránselle aos/as solicitantes da lista de agarda, tendo que presentar o billete e demais documentación nos 5 días hábiles seguintes á comunicación.

No caso de que o billete de transporte adquirido fose anulado posteriormente á súa remisión á Dirección Xeral de Xuventude, a praza para o intercambio será anulada e considerada non adxudicada.

Recibidos correctamente os documentos requiridos, aos seleccionados/as seralles facilitado o nome da persoa coordinadora que acompañará ao grupo, así como o punto de encontro no lugar de realización do intercambio.

INTERCAMBIO XUVENIL Á PREFECTURA DE WAKAYAMA (XAPÓN)

Título: “O Camiño Kumano Kodo irmandado co Camiño de Santiago ”.

Datas de realización do intercambio: do 5 ao 10 de setembro de 2026.

Observacións:

- Recomendación de aeroporto máis preto para chegar ao lugar de destino do país de realización do intercambio: Aeroporto de Kansai.

- O 5 de setembro, ás 15:00 horas (hora xaponesa) todos os mozos e mozas participantes deberán estar no punto de encontro sinalado no aeroporto de Kansai – Wakayama.

- É obrigatorio participar no intercambio a totalidade dos días, é dicir, ata o 10 de setembro.

- A prefectura de Wakayama non pode garantir que se respecten as dietas e necesidades alimentarias especiais das persoas participantes.

Cobertura do intercambio:

- Aloxamento en réxime de pensión completa en cuarto de uso múltiple.

- Trasporte no ámbito do intercambio.

- Actividades organizadas pola Prefectura de Wakayama.

Será a cargo das persoas participantes:

- Os gastos de desprazamento ata o lugar de aloxamento do intercambio en Xapón.

- Os gastos do seguro de viaxe, de accidente e de enfermidade.

Actividades provisionais previstas: percorrido por un tramo do Camiño Kumano Kodo, visita a lugares tradicionais da cultura xaponesa, encontros con mozos e mozas xaponeses, audiencia con autoridades.

Reunión previa á saída: As persoas mozas seleccionadas serán convocados a unha reunión preparatoria do intercambio previa ao seu inicio, no día e lugar que determine a Dirección Xeral de Xuventude. A asistencia será obrigatoria, agás causa de forza maior debidamente xustificada. A data de realización desta reunión será comunicada por correo electrónico con antelación suficiente.

 

 

MÁIS INFORMACIÓN

Tlfs: 981 545 822 981 545 869

Correo electrónico: wakayama.xuventude@xunta.gal

 

 Foto grupo Wakayama 2025