As glándulas mamarias están moi vencelladas co aparato xenital na medida en que a súa función é fabricar e segregar leite durante o período de lactancia (varios meses despois de cada parto), e tamén están moi relacionadas co ámbito sexual, xa que a súa parte externa é unha zona eróxena de primeira orde, sobre todo nas mulleres.
Estas glándulas son dúas e están situadas na parte de diante do tórax, na zona superior. Tanto os homes coma as mulleres temos glándulas mamarias, o que ocorre é que, mentres nas mulleres se desenvolven a partir da puberdade, formando dúas prominencias de tamaño variable segundo cada persoa, nos homes non se chegan a desenvolver e quedan practicamente planas durante toda a vida.

As glándulas mamarias teñen forma redondeada e borde irregular, cunha especie de pequena prolongación na súa parte superior externa, que se chama cola, e que se dirixe cara á zona da axila. Están formadas por multitude de vesiculiñas, cada unha das cales ten un conduto, que se vai unindo cos condutos das viciñas, ata formar dúas ou tres canles máis grandes e grosas, que se dirixen cara ao centro da súa parte de diante e desembocar na superficie. En suma, a estrutura de cada unha das glándulas semella un racimo de uvas, estando ocupados os espazos libres por graxa, que tamén recobre toda a superficie da glándula, formando unha capa.
Vistas polo exterior, as mamas están recubertas de pel. Na súa parte central podemos ver unha zona redondeada onde a pel é máis escura, máis grosa e máis rugosa que no resto da superficie (areola mamaria), no centro dela hai unha prominencia aínda máis escura e grosa (o pezón). No centro do pezón desembocan os condutos da glándula e por eles sae o leite.
Toda a pel que recobre as mamas é unha zona eróxena, pero son especialmente sensibles á estimulación as areolas e os pezóns que, cando se estimulan, aumentan de volume e endurecen. Pódese dar unha resposta sexual completa estimulando estas zonas.