 
 
				V Programa de Voluntariado Ambiental Interxeracional
A Xunta de Galicia abre o prazo para inscribirse no Programa de Voluntariado Ambiental Interxeracional en 22 espazos naturais onde están programadas un total de 28 actuacións.
Trátase dunha iniciativa de balde que ofrece un programa de actividades que impulsan o respecto e o coidado do patrimonio natural de Galicia.
Nesta quinta edición da iniciativa, posta en marcha polas Consellerías de Cultura, Lingua e Xuventude e a de Medio Ambiente e Cambio Climático, ofrécense preto de 400 prazas durante as fins de semana desde o 23 de maio ata o 12 de outubro.
As primeiras citas serán no Parque Natural Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán e na ría de Ribadeo e a praia das Catedrais.
Actuacións programadas nos espazos naturais
Ao abeiro deste programa, están previstas accións no Parque Nacional das Illas Atlánticas.
Tamén se farán actuacións nos Parques Naturais da Baixa Limia – Serra do Xurés (Lobios), Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán (Ribeira), O Invernadeiro (Vilariño de Conso), Serra da Enciña da Lastra (Rubiá), o Monte Aloia (Tui) e as Fragas do Eume (Pontedeume).
En canto aos Monumentos Naturais nos que se vai intervir inclúense A Carballa da Rocha (Rairiz de Veiga), Pena Corneira (Carballeda de Avia), Souto de Rozables (Manzaneda), Pregamento xeolóxico de Campodola-Leixazós (Quiroga) e a Fraga de Catasós (Lalín).
Este ano, inclúense as paisaxes e humedais protexidos. Nestes primeiros vaise actuar nos Penedos de Pasarela e Traba (Vimianzo) e no Val do río Navea (San Xoán de Río e A Pobra de Trives), mentres que no que respecta aos humedais as actividades realizaranse na Ría de Ribadeo e a Praia das Catedrais (Ribadeo), no Complexo intermareal Umia – O Grove (O Grove, Sanxenxo, Meaño, Cambados e A Illa de Arousa), na ría de Ortigueira e Ladrido (Ortigueira e Cariño), na Lagoa e areal de Valdoviño (Valdoviño) e a Lagoa de Cospeito (Cospeito).
Deste xeito, os escenarios elixidos para a presente edición son 21 espazos naturais que compoñen o rico patrimonio natural de Galicia.
En cada un deles o traballo dos participantes centrarase na realización de tarefas de limpeza, sinalización, eliminación de especies exóticas invasoras ou catalogación de fauna e flora. Ademais, a iniciativa procura fomentar a cooperación e as tarefas desinteresadas desde unha perspectiva interxeracional entre persoas maiores e novas.
Prazo de Inscrición
As persoas interesadas en inscribirse no Programa de Voluntariado Ambiental Interxeracional poden facelo a través do espazo habilitado  na páxina web www.voluntariadogalego.org.
Os únicos requisitos para participar son ter cumpridos os 18 anos, residir na Comunidade Autónoma de Galicia e cumprimentar o formulario que se atopa na páxina web.
A selección dos candidatos realizarase por rigoroso orde de inscrición.
A Xunta de Galicia cubrirá os gastos de desprazamento, manutención, aloxamento, seguros e actividades formativas.
Cada participante debe levar os útiles de aseo persoal e toalla, así como a vestimenta axeitada para as actividades ao aire libre.
Máis información:
www.voluntariadogalego.org
 




Comments