Ir o contido principal
GAIAS25

Atardecer no Gaiás

O tránsito de xullo a agosto en Atardecer no Gaiás chega con Mocho Gris e La Toñi, dúas propostas pop diferentes para o ciclo de concertos ao aire libre na Cidade da Cultura que organiza a Xunta de Galicia.

O xoves 31 de xullo o dúo galego-portugués formado por Lucas de Centi (líder das bandas galegas Néboa e Mel) e João Neves (artista luso colaborador de Baiuca) actuará no escenario da Praza central cunha proposta que reúne elementos do indie, da electrónica e do jazz para darlle unha volta á música pop de ambos lados do Miño.

Mocho Gris presentará no Gaiás o seu disco debut, titulado 2, un álbum que atravesa os códigos do pop alternativo e da canción tradicional galega e portuguesa, onde inclúen tanto cancións orixinais e como reinterpretacións de temas populares de artistas como Amália Rodrigues, António Variações ou Xosé Lois Romero.

O venres 1 de agosto será La Toñi quen actúe na Praza central da Cidade da Cultura, cunha proposta entre o europop e o punk con sintetizadores. O proxecto en solitario da cantante viguesa, coñecida por ser a voz e líder do grupo Dalsi, ofrecerá un repertorio de temas que falan de amor e de resacas emocionais nos que se celebra a amizade e a tristura é para bailala.

Tanto os concertos do xoves como do venres darán comezo ás 21,00 horas e o acceso é libre e gratuíto.

Máis información:
www.cidadedacultura.gal

Comments