Ir o contido principal
AXUDAS PARA A OBTENCIÓN  DOS PERMISOS DE CONDUCIR

Orde de axudas para os permisos de condución clases A2 e B

Importe das axudas:

150 € para o carné A2 e 400 € para o carné B

Requisitos das persoas mozas no momento de presentar a solicitude:

- Ter feitos os 18 anos de idade e non ter feitos os 31.
- Estar empadroadas na Comunidade Autónoma de Galicia cunha antigüidade mínima dun ano.
- Non estar traballando por conta propia nin allea.
- Ter aprobado o/os permiso/s de conducir para o/os cales se solicita esta axuda con data de expedición entre o 1 de outubro de 2024 e a data de presentación da solicitude.
- Que a suma dos ingresos anuais dos membros da unidade familiar sexa igual ou inferior a cinco veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) de 2025, no seu cómputo anual, incluíndo dúas pagas extras.

Prazo e forma de presentación:

As solicitudes poden presentarse desde o día 25 de agosto de 2025 ás 09:00 horas ata o día 25 de setembro de 2025 ás 20:00 horas, salvo que se produza con anterioridade o esgotamento do crédito orzamentario dispoñible.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos (Chave 365, DNI electrónico ou calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia) a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. 

Documentación que debe presentarse coa solicitude:

- Documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa solicitante, no seu caso
- Autorización temporal para conducir expedida pola Dirección Xeral de Tráfico, no caso de que a persoa solicitante teña aprobado o/s carné/s obxecto da solicitude pero o documento aínda non fose expedido.
- O/s certificado/s de empadroamento histórico que acredite/n a antigüidade mínima esixida, no caso de que a última variación padroal sexa inferior a 1 ano.
- Convenio especial, acordo específico para o desenvolvemento da actividade formativa ou documento análogo que acredite a realización das prácticas formativas ou académicas, para o caso de alumnos e alumnas que realicen prácticas formativas ou prácticas formativas externas incluídas en programas de formación previstas na disposición adicional quincuaxésimo segunda do Real decreto lexislativo 8/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da lei xeral da seguridade social.
- Certificación literal de nacemento de cada persoa membro da unidade familiar ou libro de familia.
- Acreditación da relación matrimonial ou análoga á conxugal, de ser o caso.
- Certificación da Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) de non ter a obriga de declarar, no seu caso.
- Anexo II, de comprobación de datos de terceiras persoas cando forme parte de unidades familiares compostas por máis dun membro, que deberá estar asinado por todas as persoas que compoñan a unidade familiar.

Unidade familiar

Para os efectos da orde considéranse persoas membros da unidade familiar da persoa solicitante, o/a solicitante, as persoas proxenitoras e, de ser o caso, o/a cónxuxe ou a persoa á que se encontre unido/a o/a solicitante por análoga relación, cos/as que conviva.

ENLACE A DOG: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250819/AnuncioG0766-080825-0001_gl.pdf
ENLACE SEDE: https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=BS321A&ano=2025&numpub=1&lang=gl
ENLACE FOLLETO: Aquí

Comments