Ir o contido principal
libros

Ourol convoca axudas para a compra de libros e material escolar no curso 2025/2026

O Concello de Ourol vén de aprobar, en sesión extraordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada o pasado 22 de agosto, as bases reguladoras para a concesión de axudas destinadas á adquisición de libros de texto e material escolar.

Estas achegas están dirixidas ao alumnado matriculado en segundo ciclo de Educación Infantil, Educación Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria ou Educación Especial durante o curso 2025/2026, co obxectivo de garantir a igualdade de oportunidades no acceso á educación e apoiar ás familias con menos recursos económicos.

Requisitos principais

  • Estar empadroado/a no Concello de Ourol cunha antigüidade mínima de tres meses (agás en casos de custodia compartida).

  • Estar matriculado/a nun centro sostido con fondos públicos.

  • A renda per cápita anual da unidade familiar non poderá superar os 10.000 euros.

  • O alumnado de Educación Especial ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65 % poderá acceder ás axudas con independencia da renda.

Contía e criterios

As axudas establécense cun máximo de 100 euros por alumno/a, calculándose a contía final segundo unha puntuación que ten en conta a renda per cápita e circunstancias sociofamiliares como situación de desemprego, discapacidade, familia numerosa, monoparentalidade ou violencia de xénero.

O orzamento destinado a esta convocatoria é de 1.300 euros, con cargo á partida municipal 323.480 do orzamento de 2025.

Presentación de solicitudes

  • O prazo é de 15 días hábiles a partir da publicación no BOP de Lugo.

  • As solicitudes estarán dispoñibles no Departamento de Servizos Sociais do Concello e tamén na Sede Electrónica.

  • Será necesario achegar documentación acreditativa da situación familiar e económica, así como a matrícula do curso 2025/2026.

As solicitudes serán revisadas polo Departamento de Servizos Sociais e a resolución será notificada individualmente ás persoas solicitantes.

Para máis información, pódese consultar a publicación completa no Boletín Oficial da Provincia de Lugo (BOP nº 197, do 28 de agosto de 2025) ou acudir directamente ao Concello de Ourol.

Comments