Concurso Día internacional contra a violencia de xénero
A Xunta de Galicia convoca ao alumnado galego de centros de ensino a participar no concurso de imaxes gráficas e pezas audiovisuais sobre o 25 de novembro, Día internacional contra a violencia de xénero.
As bases do certame poden consultarse nas páxinas web de Igualdade e no Portal Educativo.
O concurso está aberto aos estudantes de centros galegos que imparten Educación Primaria, Secundaria, Educación Especial, Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanzas de Artes Plásticas e Deseño. Todos eles poden presentar os seus traballos ata o próximo 7 de novembro, ás 15.00 horas.
Cada centro só poderá presentar un traballo en cada unha das categorías e modalidade de participación, que deberá incluír a frase ‘25 de novembro. Día Internacional contra a Violencia de Xénero’, así como un lema en galego relacionado coa temática.
Os deseños poden presentarse de xeito individual ou en equipos constituídos por un docente e un máximo de 8 persoas, procurándose a representación equilibrada de alumnos e alumnas. Priorizarase que a elaboración das imaxes gráficas e pezas audiovisuais formen parte dun traballo global, que integre a sensibilización e a valoración crítica da resposta colectiva ante a violencia de xénero.
A organización establece tres categorías de participación:
-A primeira é a representada polo alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria, 1º e 2º de ESO e de Educación Especial.
-A segunda recibirá os traballos que presenten estudantes de 3º e 4º de ESO, de 1º e 2º de Bacharelato, e de FP básica, de grao medio e de ciclos de grao superior.
-A 3º categoría aos rapaces e rapazas que cursan Ensinanzas de Artes Plásticas e Deseño.
A Xunta admitirá traballos que consistan no deseño dunha imaxe gráfica ou pezas audiovisuais.
No primeiro caso, deberá presentarse un traballo eminentemente gráfico, como pode ser carteis, cómics, ilustracións ou debuxos.
Na modalidade audiovisual admitiranse curtas, videoclips, performances, flashmobs, danza, videopoemas ou textos recitados.
A Xunta concederá dous premios por cada categoría e modalidade. Consistirán nun cheque regalo para investir no comercio local en material didáctico, deportivo ou tecnolóxico, para cada unha das persoas integrantes do equipo gañador valorado en 100€ e 50€, respectivamente, para o primeiro e o segundo postos, así como un lote de libros para o centro educativo.
Máis información:
https://igualdade.xunta.gal/gl




Comments