 
 
				A XUNTA PROMOVE A PARTICIPACIÓN DA MOCIDADE EN ACTIVIDADES SOLIDARIAS E INTERCULTURAIS CON 2,2M €
- O Consello avalía os resultados dos programas Erasmus+ Xuventude e Corpo Europeo de Solidaridade, que só este ano impulsan 66 proxectos
- Entre as iniciativas inclúense actividades sobre saúde mental, cursos de formación, seminarios ou visitas
A Xunta de Galicia promove a participación da mocidade en actividades solidarias e interculturais acadando unha cifra récord de financiamento de máis de 2,2 millóns de euros. O Consello fixo hoxe balance sobre a participación da comunidade nos programas Erasmus+ Xuventude e Corpo Europeo de Solidariedade, que só neste ano impulsaron 66 proxectos.
Así, neste 2025, no marco do Erasmus+ Xuventude financiaronse 45 proxectos con máis de 1,6 millóns de euros. Esta iniciativa representa unha oportunidade única para que a mocidade amplíe a súa formación nun contexto internacional, adquirindo experiencia profesional nunha contorna laboral real. Cómpre destacar que este programa busca fomentar a conexión e o diálogo intercultural mediante intercambios xuvenís ou proxectos como o DiscoverEU Inclusión, que ofrece a posibilidade de recibir apoio extra para levar a cabo proxectos destinados a facilitar que a xuventude con menos oportunidades exploren Europa en igualdade de condicións.
Por outra banda, o Corpo Europeo de Solidaridade financiou 21 proxectos cun orzamento de arredor de 550.000 euros, o que impulsa a participación xove en actividades solidarias, tanto individual ou en equipo e o fomento de proxectos solidarios de apoio ás comunidades locais e globais.
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude reforza así o seu compromiso co acompañamento e a calidade das experiencias de mobilidade mediante diferentes iniciativas. Neste senso, este mes de outubro acabase de celebrar no Monte do Gozo un curso de formación á chegada dirixido a 22 mozos e mozas procedentes de 14 países, que participan no programa Corpo Europeo de Solidariedade realizando o seu voluntariado en 7 Comunidades Autónomas.
Esta acción marcaba o inicio da súa experiencia de voluntariado que rematará en 2026 ofrecéndolles información práctica sobre a vida en España e ferramentas para afrontar a súa integración persoal e cultural. Ademais, tendo en conta o elevado número de persoas voluntarias que realizarán o seu servizo en Galicia, a Xunta de Galicia está xa a organizar unha nova formación de chegada para finais de novembro de 2025.
Ademais, no primeiro semestre de 2026 está prevista unha actividade formativa centrada na saúde mental da mocidade participante en ambos programas, desenvolta en colaboración coa Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia. O seu obxectivo é promover o benestar emocional da mocidade, ofrecer ferramentas prácticas ao persoal e entidades participantes e fomentar o intercambio de boas prácticas entre países.
Estas actividades enmárcanse no compromiso do Goberno galego co apoio e desenvolvemento da mocidade contribuíndo ao crecemento sostible, ao emprego, á cohesión social e ao fortalecemento da identidade europea e a cidadanía activa nunha sociedade en cambio cada vez máis móbil, multicultural e dixital.
A participación galega nestas convocatorias, que promoven a mobilidade, a educación non formal e a participación activa da mocidade en actividades solidarias e interculturais, segue a medrar de maneira sostida, consolidando a Galicia como unha comunidade autónoma referente.




Comments