O Concello de San Amaro abre a convocatoria de axudas ao ensino para o curso 2025-2026
O Concello de San Amaro vén de aprobar, mediante resolución da Alcaldía do 26 de novembro de 2025, a nova convocatoria de subvencións destinadas a apoiar a escolarización pública do alumnado de educación infantil e primaria durante o curso 2025-2026.
Estas axudas teñen como obxectivo contribuír ao cofinanciamento de libros de texto, material escolar e outros gastos de carácter social necesarios para o correcto desenvolvemento educativo dos nenos e nenas matriculados no CEIP Lansbricae de San Amaro.
Quen pode solicitalas?
Poderán acollerse a estas subvencións as familias que cumpran os seguintes requisitos:
-
Ter fillos/as cursando educación infantil ou primaria no CEIP Lansbricae.
-
Estar empadroado/a no Concello de San Amaro no momento da solicitude ou estar matriculado no centro educativo.
-
Atoparse ao corrente coa AEAT, ATRIGA e a Seguridade Social.
-
Cumprir os requisitos establecidos na Lei 38/2003 de subvencións e na Lei 9/2007 de subvencións de Galicia.
Importes das axudas
-
Educación primaria: ata 100 € por alumno/a.
-
Educación infantil: ata 150 € por alumno/a.
O crédito total destinado a esta convocatoria é de 6.000 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 326.48.
Presentación de solicitudes
As axudas deberán ser solicitadas polos representantes legais do alumnado mediante o modelo normalizado dispoñible:
-
Na sede electrónica do Concello: https://sanamaro.sedelectronica.gal
-
No Rexistro Xeral do Concello, de luns a venres de 9:00 a 14:00 h.
-
Nos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015.
O prazo de presentación será de cinco días hábiles a partir do día seguinte á publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.
Xunto coa solicitude deberá achegarse a documentación requirida, como DNI do solicitante, Libro de Familia, declaracións responsables, informe de matrícula, facturas e certificado IBAN.




Comments