Ir o contido principal
LUGO

A Deputación de Lugo abre o prazo para participar no programa “Coñece a túa provincia” 2026

A Deputación de Lugo vén de convocar unha nova edición do programa “Coñece a túa provincia”, correspondente á anualidade 2026, unha iniciativa dirixida a entidades sen ánimo de lucro da provincia que ten como obxectivo promover o coñecemento do territorio, poñer en valor o patrimonio natural e cultural e contribuír á desestacionalización da oferta turística.

O programa ofertará un máximo de 3.036 prazas gratuítas para a realización de excursións polos distintos xeodestinos da provincia de Lugo. As actividades inclúen transporte, seguros, servizo de guía oficial, visitas a recursos turísticos e xantar, sen ningún custo para as entidades participantes.

Poderán solicitar a participación todas aquelas entidades sen ánimo de lucro legalmente constituídas e con sede na provincia de Lugo que non perderan o dereito a participar na edición anterior. Cada entidade poderá presentar unha única solicitude, indicando un número de participantes comprendido entre 15 e 23 persoas.

As solicitudes deberán presentarse a través da sede electrónica da Deputación de Lugo, a partir das 12:00 horas do día seguinte hábil á publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia, e durante un prazo de cinco días hábiles.

As excursións desenvolveranse en días laborables, entre luns e venres, nos meses que determine o Servizo de Turismo da Deputación, seguindo os itinerarios establecidos nas bases reguladoras. A asignación das prazas realizarase por orde de prioridade, dando preferencia ás entidades que non participaran en edicións anteriores.

O programa “Coñece a túa provincia” consolídase así como unha ferramenta clave para fomentar o turismo de proximidade, sensibilizar á cidadanía sobre o valor do patrimonio lucense e apoiar o desenvolvemento sostible do territorio.

Toda a información sobre a convocatoria, as bases reguladoras e os itinerarios dispoñibles pode consultarse na sede electrónica da Deputación de Lugo e na web turismo.deputacionlugo.gal.

BOPLUGO

Comments