Ir o contido principal
anpas

O Concello do Porriño convoca subvencións para actividades educativas no curso 2025-2026

As ANPAS dos centros públicos poderán solicitar as axudas nun prazo dun mes desde a publicación no BOP

O Concello do Porriño aprobou as bases e convocatoria (Expte. 822/2026) para a concesión de subvencións dirixidas a asociacións e entidades sen ánimo de lucro que desenvolvan accións no eido da educación durante o curso escolar 2025-2026.

A convocatoria, en réxime de libre concorrencia, conta cun orzamento máximo de 25.000 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 323.4800000.

Obxecto

O obxectivo é fomentar actividades educativas e socio-culturais promovidas polas ANPAS dos centros sostidos con fondos públicos do municipio, dirixidas ao alumnado en idade escolar.

As actividades deberán complementar a formación do alumnado, especialmente a través de iniciativas extraescolares periódicas fóra do horario lectivo.

Programas subvencionables

  • Actividades extraescolares de carácter periódico.

  • Aula Madruga.

  • Excursións socio-culturais (ata un máximo de 1.000 € por asociación, unha vez descontadas outras achegas).

Non serán subvencionables, entre outros conceptos:

  • Premios en metálico ou material escolar.

  • Investimentos en bens mobles (agás material funxible imprescindible).

  • Gastos ordinarios de administración e oficina.

Beneficiarios

Poderán optar ás axudas as Asociacións de Nais e Pais dos centros educativos públicos situados no termo municipal do Porriño que desenvolvan actividades para todo o alumnado.

Quedan excluídas as entidades que non estean ao corrente das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social ou que incorran nalgunha das causas previstas na Lei Xeral de Subvencións.

Contía das axudas

  • Ata o 60% do custo do proxecto, cun máximo de 5.000 euros por entidade.

  • No caso da Aula Madruga, a subvención poderá acadar o 80% do custo total ou un máximo de 1.500 euros por centro educativo.

Se o conxunto das solicitudes supera o crédito dispoñible, as contías reduciríanse proporcionalmente.

Prazo e presentación

As solicitudes deberán presentarse exclusivamente por medios electrónicos no prazo de un mes desde o día seguinte á publicación do extracto no BOP.

Xustificación e pagamento

Poderase anticipar ata o 80% da subvención concedida. O 20% restante aboarase tras a correcta xustificación da actividade, que deberá presentarse como data límite o 2 de outubro de 2026.

Os pagamentos deberán acreditarse mediante transferencia bancaria, non admitíndose pagamentos en metálico.

A resolución publicarase no taboleiro de anuncios municipal, no Portal de Transparencia e na Base de Datos Nacional de Subvencións.

Comments