O Grove convoca o XXXIII Premio Manuel Lueiro Rey de novela curta
O Concello do Grove vén de convocar o XXXIII Premio Manuel Lueiro Rey de novela curta, un certame literario dirixido a persoas autoras que presenten obras inéditas en lingua galega.
Segundo recollen as bases da convocatoria, poderá participar calquera persoa física, agás as gañadoras das catro últimas edicións do premio (XXIX a XXXII). Os textos deberán estar escritos en galego e adaptados ás normas ortográficas vixentes.
O premio conta cunha dotación económica de 3.000 euros, con cargo ao orzamento municipal do exercicio 2026, estando suxeito ás retencións fiscais correspondentes.
As persoas interesadas deberán presentar cinco copias impresas da obra e unha copia en soporte dixital en formato de procesador de textos. A documentación deberá remitirse á seguinte dirección:
XXXIII Premio Manuel Lueiro Rey
Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey
Rúa Monte da Vila, 11
36980 O Grove (Pontevedra)
O prazo de presentación permanecerá aberto ata o 15 de setembro de 2026, incluído, contando desde o día seguinte á publicación do extracto da convocatoria no BOPPO da provincia de Pontevedra.




Comments