Ir o contido principal
cultura rural

Axudas para proxectos de cooperación cultural no medio rural 2026


Ministerio de Cultura
https://www.cultura.gob.es/cultura/derechos-culturales/ayudas-dgddcc/ay…

Trátase da segunda convocatoria de axudas convocada polo Ministerio de Cultura dirixidas a fomentar os proxectos de cooperación entre axentes culturais de distintas comunidades autónomas.

Estas axudas teñen por obxecto dar apoio a aqueles proxectos culturais executados no medio rural no que se fomente a cooperación de, polo menos, tres axentes culturais de comunidades autónomas distintas.

As axudas responden ás seguintes finalidades:

a) Promover o desenvolvemento colaborativo de novos proxectos e o traballo en rede a nivel nacional dos sectores culturais e creativos que operan nas zonas rurais, a fin de dinamizar e articular o tecido e contribuír a construír un ecosistema cultural territorial máis sólido e sostible a medio e longo prazo.

b) Impulsar a innovación e a diversidade cultural nas zonas rurais en diálogo directo coas comunidades, os seus contextos -sociais, territoriais, medioambientais e culturais- específicos e os retos actuais e futuros do medio rural, contribuíndo á construción de novos imaxinarios, representacións, estéticas, valores, actitudes, formas de pensamento ou metodoloxías de traballo, así como poñer en valor, en diálogo co presente e a cultura contemporánea, o patrimonio, o coñecemento e os saberes tradicionais.

c) Favorecer, desde un enfoque de dereitos culturais, a participación activa da cidadanía nos procesos culturais como mecanismo de inclusión, participación democrática, desenvolvemento, benestar individual e comunitario e cohesión social e territorial, atendendo á interxeracionalidade e a inclusión de colectivos en situación de especial vulnerabilidade.

d) Incorporar, con carácter transversal, a perspectiva de xénero no deseño, execución, avaliación e difusión dos proxectos, mediante a implementación de estratexias e mecanismos específicos orientados a promover a igualdade efectiva entre mulleres e homes, previr e combater as desigualdades estruturais e as brechas de xénero existentes no ámbito cultural e creativo rural.

e) Fomentar o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e a conciencia e sustentabilidade medioambientais, así como o establecemento alianzas con sectores non culturais de especial relevancia no medio rural: agricultura, gandería, medio ambiente, transición ecolóxica, reto demográfico, igualdade, educación ou saúde.

f) Incidir de xeito real e efectivo no ecosistema cultural e creativo do seu ámbito de influencia, ou no seu impulso a nivel suprarregional, mediante estratexias e mecanismos específicos que favorezan a articulación e capacitación do sector e/o a xeración de emprego.

As axudas obxecto desta convocatoria están dirixidas a persoas xurídicas privadas, con ou sen ánimo de lucro, e persoas físicas rexistradas no Réxime Especial de Traballadores Autónomos, procedentes de polo menos tres comunidades autónomas diferentes. As actividades deben desenvolverse no medio rural, entendido como tal os municipios con poboación inferior a 30.000 habitantes e unha densidade inferior a 100 habitantes por km² e, en todo caso, os de poboación inferior a 5.000 habitantes independentemente da súa densidade poboacional.

Dotación: cada proxecto beneficiario poderá recibir ata un máximo de 120.000 euros, aínda que a contía non poderá supoñer máis do 80% do custo total do proxecto.

Os proxectos deberán desenvolverse entre o 1 de xaneiro de 2026 e o 30 de xuño de 2027. Así mesmo, os gastos asociados deberán executarse dentro deste período.

Prazo de presentación de solicitudes: do 13 de maio ao 9 de xuño.

Máis información: Ministerio de Cultura
 

Comments