O Concello de Miño abre a convocatoria de subvencións para actividades culturais, sociais e deportivas 2025
O Concello de Miño vén de aprobar a convocatoria de subvencións municipais para o ano 2025 dirixidas á promoción de actividades e investimentos de interese xeral, tanto no eido cultural como deportivo e social.
Segundo recolle a Resolución da Alcaldía do 17 de setembro de 2025 (BDNS Identif.: 857376), poderán optar a estas axudas entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro, inscritas no Rexistro municipal de asociacións, así como deportistas individuais federados empadroados no municipio.
As subvencións están destinadas a apoiar actividades como programas de dinamización xuvenil, iniciativas educativas, fomento da igualdade, promoción das artes, actividades deportivas ou accións de integración social, así como pequenos investimentos en infraestruturas e equipamentos necesarios para o seu desenvolvemento.
O importe máximo subvencionable será do 80% do orzamento da actividade. Para este 2025 establécense créditos máximos de:
-
5.000 € para actividades culturais
-
5.500 € para actividades deportivas de asociacións
-
1.500 € para deportistas individuais
-
3.500 € para investimentos culturais
-
2.000 € para investimentos deportivos
O prazo para a presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 15 de outubro de 2025, no Rexistro xeral do Concello de Miño, tanto de forma presencial como electrónica.
O texto completo da convocatoria pode consultarse na Base de Datos Nacional de Subvencións: https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/857376




Comments