Aberta a convocatoria de axudas a entidades sen ánimo de lucro para o fomento da cultura en Malpica de Bergantiños (2025)
O Concello de Malpica de Bergantiños publica a Convocatoria de subvencións para entidades culturais e educativas sen ánimo de lucro, destinada ao fomento da cultura e das “foliadas” durante o ano 2025. O extracto pode consultarse no Boletín Oficial da Provincia e o texto íntegro na Base de Datos Nacional de Subvencións (BDNS Identif.: 868223).
Entidades beneficiarias
Poderán solicitar estas axudas as entidades legalmente constituídas que:
-
Carezan de fins de lucro.
-
Desenvolvan a súa actividade no Concello de Malpica de Bergantiños.
-
Estean inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións, ou teñan solicitada a súa inscrición.
Finalidade das axudas
A convocatoria abrangue dúas liñas principais:
1. Programa de Promoción Cultural
Dirixido a proxectos e accións culturais desenvolvidas no ámbito municipal, incluíndo:
-
Actividades escénicas: música, danza, teatro ou maxia.
-
Literatura, fotografía, cine, creación audiovisual e artes plásticas.
-
Artesanía tradicional vinculada á Costa da Morte.
-
Promoción e posta en valor do patrimonio histórico e natural de Malpica.
-
Actividades educativas complementarias organizadas pola comunidade educativa.
-
Promoción da lingua galega e das tradicións locais.
Tamén se inclúen os gastos de funcionamento vinculados directamente a estas actuacións.
Quedan excluídas as actividades que non respondan a estas finalidades, os festexos e festas patronais e as “foliadas”, ao teren unha liña específica.
2. Programa de Promoción das Foliadas
Inclúe un crédito específico para apoiar a organización de “foliadas” no termo municipal.
Bases reguladoras e contía da convocatoria
As bases específicas aprobáronse o 5/11/2025 e publicáronse no BOP nº 216 (11/11/2025).
A contía total ascende a 20.000 €, distribuídos do seguinte xeito:
-
17.000 € para promoción cultural.
-
3.000 € para promoción das foliadas.
Prazo e presentación de solicitudes
As solicitudes presentaranse a través do Rexistro Electrónico do Concello:
👉 https://sede.malpicadebergantinos.es/gl/index.html
O prazo é de 10 días naturais a partir do día seguinte á publicación do extracto no BOP.
Documentación requirida
Deberanse presentar cinco arquivos en formato PDF, contendo:
-
Formulario de solicitude e memoria da actividade.
-
Documentación identificativa da entidade.
-
Memorias e programación de actividades para 2025.
-
Certificados de estar ao corrente das obrigas coa Administración.
-
Outras autorizacións, de ser o caso.
Os erros ou omisións deberán emendarse nun prazo de 10 días desde o requirimento.




Comments