Ir o contido principal

Santiago de Compostela abre o proceso de selección para a contratación de catro persoas mozas mediante o programa de Garantía Xuvenil (TR350E)

O Concello de Santiago de Compostela vén de publicar a convocatoria e as bases reguladoras para a selección e contratación laboral temporal de catro persoas mozas ao abeiro da subvención concedida pola Consellería de Emprego da Xunta de Galicia, dentro do programa TR350E – Garantía Xuvenil, cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+) Galicia 2021-2027.

A contratación terá unha duración de nove meses, a xornada completa, e baixo a modalidade de contrato temporal vinculado a programas financiados con fondos europeos (código 406 – interese social). A retribución bruta mensual será de 2.262,99 euros, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias.

Postos ofertados

  • 4 prazas destinadas a mozas/os tituladas/os en áreas relacionadas coa bioloxía, botánica, zooloxía ou afíns (CNO 2421).

As persoas contratadas prestarán servizos de interese xeral e social orientados á adquisición de experiencia profesional, entre os que se inclúen:

  • Colaboración en actividades de educación ambiental e social no Proxecto Ecobosque.

  • Apoio en accións de protección ambiental e mantemento de espazos públicos.

  • Tarefas documentais e de control de calidade administrativa.

  • Participación en campañas ou eventos municipais.

Requisitos principais das persoas aspirantes

Segundo a Orde do 13 de agosto de 2025 (TR350E), as persoas candidatas deberán:

  • Ter entre 18 e 29 anos no momento da selección.

  • Estar desempregadas e inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia.

  • Figurar como beneficiarias no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.

  • Non ter traballado nin recibido formación o día anterior ao inicio da actuación.

  • Ser preseleccionadas pola Oficina de Emprego correspondente.

Proceso de selección

Unha vez recibida a sondaxe da Oficina de Emprego, o Concello realizará un proceso selectivo composto por:

  1. Entrevista persoal (máximo 5 puntos).

  2. Valoración de méritos formativos (ata 8 puntos), incluíndo outra formación universitaria, cursos relacionados e acreditación de Celga 4.

As listaxes provisionais e definitivas publicaranse na páxina web da Axencia Local de Colocación.

As bases completas poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia da Coruña e en
www.axencialocaldecolocacion.org.

Comments