O Concello de Bergondo convoca axudas a deportistas individuais para o exercicio 2025
O Concello de Bergondo vén de aprobar, na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local do pasado 11 de setembro, as bases da convocatoria pública de subvencións municipais dirixidas a deportistas individuais para o exercicio económico 2025.
O obxectivo destas axudas é apoiar a práctica deportiva de alto nivel e a participación en competicións oficiais, ao tempo que se promove a difusión do nome de Bergondo en eventos autonómicos, nacionais e internacionais.
As persoas beneficiarias deberán ser deportistas menores de 35 anos e/ou non pertencentes á categoría máster, empadroadas en Bergondo cunha antigüidade mínima de dous anos, e que conten coa licenza federativa en vigor.
Entre os gastos subvencionables inclúense:
-
desprazamentos, aloxamento e manutención vinculados a competicións ou concentracións,
-
material e roupa deportiva,
-
gastos federativos,
-
revisións médicas e probas de esforzo,
-
alugamento de instalacións deportivas,
-
publicidade e mantemento de páxinas web deportivas.
O prazo de presentación de solicitudes fixarase no extracto da convocatoria publicado no Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP) e poderán tramitarse tanto na sede electrónica como no Rexistro Xeral do Concello.
Toda a información, así como os modelos normalizados de solicitude, están dispoñibles na sede electrónica e na web municipal bergondo.gal.




Comments