Ir o contido principal
deportistas

O Concello de Bergondo convoca axudas a deportistas individuais para o exercicio 2025

O Concello de Bergondo vén de aprobar, na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local do pasado 11 de setembro, as bases da convocatoria pública de subvencións municipais dirixidas a deportistas individuais para o exercicio económico 2025.

O obxectivo destas axudas é apoiar a práctica deportiva de alto nivel e a participación en competicións oficiais, ao tempo que se promove a difusión do nome de Bergondo en eventos autonómicos, nacionais e internacionais.

As persoas beneficiarias deberán ser deportistas menores de 35 anos e/ou non pertencentes á categoría máster, empadroadas en Bergondo cunha antigüidade mínima de dous anos, e que conten coa licenza federativa en vigor.

Entre os gastos subvencionables inclúense:

  • desprazamentos, aloxamento e manutención vinculados a competicións ou concentracións,

  • material e roupa deportiva,

  • gastos federativos,

  • revisións médicas e probas de esforzo,

  • alugamento de instalacións deportivas,

  • publicidade e mantemento de páxinas web deportivas.

O prazo de presentación de solicitudes fixarase no extracto da convocatoria publicado no Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP) e poderán tramitarse tanto na sede electrónica como no Rexistro Xeral do Concello.

Toda a información, así como os modelos normalizados de solicitude, están dispoñibles na sede electrónica e na web municipal bergondo.gal.

Comments