II Xornada USC-EASDRF. Arte e Deseño en Lugo. Dos procesos creativos á xestión cultural.
A segunda edición da Xornada USC-EASDRF, que se desenvolve no marco do convenio de colaboración entre a Facultade de Humanidades da USC e a Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón, desenvolverase o vindeiro 23 de outubro, baixo o lema ‘Arte e Deseño en Lugo. Dos procesos creativos á xestión cultural’.
A sesión da mañá, que terá lugar na Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón dende as 9.30 horas, contarase coas conferencias de Inma Hortas, deseñadora gráfica e ilustradora; e de Ariadna Silva, fotógrafa do Mestrado en Servizos Culturais da USC.
Así mesmo, a profesora da EASDRF, Marta Cancio, realizará unha presentación performativa titulada ‘Cadernos de creación: o que Mariñán nos ensina’, na que presentará o resumo do traballo realizado nos últimos Encontros en Mariñán, residencia artística na que participa o alumnado da EASDRF desde hai seis anos.
Un dos puntos de interese da xornada será a presentación de traballos realizados polo estudantado, que terá lugar en horario de mañá e tarde.
Os proxectos que se amosan nesta segunda edición son o Traballo de Fin de Mestrado (TFM) de María Gil, estudante do mestrado en Servizos Culturais da USC, que presenta A estilización da danza tradicional como reflexo da identidade cultural: Ballet Galego Rey de Viana e o Traballo de Fin de Grao (TFG) de Carme Giráldez, estudante do grao en Xestión Cultural da USC, que presenta 60 anos das Xornadas de Folclore Galego. Un paseo sonoro.
Máis información:
www.usc.gal




Comments