Segunda sesión do DivúlgaT25
O Vello Cárcere de Lugo organiza os monólogos científicos da décima edición do certame DivúlgaT25 en lingua galega.
Organizada pola asociación Agromar da Universidade de Santiago de Compostela, esta iniciativa consolidada busca achegar á cidadanía o traballo investigador que se realiza no Campus de Lugo, sementar vocacións científicas entre a mocidade e reforzar o uso do galego como lingua de divulgación.
Os monólogos serán presentados nunha gala aberta á cidadanía, combinando rigor científico con creatividade e capacidade comunicativa. Estas intervencións son froito dun proceso de formación previa, que inclúe un obradoiro específico para transformar discursos técnicos en mensaxes divulgativas, accesibles e atractivas para todos os públicos.
O día 30 de outubro ás 19.00 horas terá lugar a segunda sesión do DivúlgaT25 con temas diversos e sorprendentes, como as migracións humanas, os polímeros extraídos do medio mariño, a IA ao servizo dos carballos galegos, o impacto dos mosquitos como vectores de enfermidades, os fungos parasitófagos e o funcionamento da nariz e como se pode ver afectado nos corzos.
A décima edición do certame representa unha oportunidade única para dar a coñecer o talento investigador do Campus de Lugo, promover unha cultura científica próxima e inclusiva, e reivindicar o uso do galego como lingua válida e eficaz para comunicar coñecemento.
Máis información:
https://ovellocarceredelugo.gal/




Comments