Culturgal 2025
A nova edición de Culturgal con 225 actividades programadas terá lugar do 28 ao 30 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra.
A organización adianta as principais citas da Feira das Culturas Galegas, coa participación de 750 artistas e profesionais do sector, un cento de expositores e un programa de espectáculos, proxeccións, presentacións, obradoiros e mesas redondas
A programación de actividades, a organización destacou o protagonismo que terá a música cos concertos de Uxía e de Óscar Ibáñez na apertura e peche da feira, respectivamente, ou o regreso de Magín Blanco á música para público adulto, que celebrará cunha actuación en directo e a presentación do libro Percorrido.
Outro dos pratos fortes sobre o escenario do Auditorio do Pazo da Cultura será o espectáculo que Xosé AntonioTouriñán creou en exclusiva para Culturgal, así como un novo ciclo de narrativa oral, no que profesionais da dirección, da realización e guionistas explicarán os seus próximos proxectos como se dun conto se tratase.
No apartado audiovisual, ademais da proxección dalgúns dos títulos máis destacados deste ano, adiantaranse traballos que chegarán ás pantallas proximamente, como a serie Pensión incompleta, que se gravará nas catro linguas oficiais do Estado.
O Centro Dramático Galego, Chévere, Talía Teatro, Bengala Teatro ou Morra o Conto serán algunhas das compañías que falarán das súas próximas producións en Culturgal, mentres que na sección literaria destaca o acto no que actrices e cantantes galegas lerán fragmentos da obra de Begoña Caamaño, á que se lle dedica o Día das Letras Galegas 2026, así como as intervencións de Manuel Rivas, Suso de Toro ou a escritora vasca Oihane Amantegui, entre outras.
Entre as novidades de 2025 destaca tamén o festival de grupos infantís de escolas de teatro de toda Galicia, que terá lugar na mañá do sábado, mentres que na do domingo se celebrará unha nova edición do Ven e baila.
A organización desta edición volve corresponderlle á Asociación Culturgal, integrada na actualidade pola Asociación Galega de Editoras, Punto.gal, Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) e EspazoCoop.
Máis información:




Comments