Oferta de Formación Profesional curso 2026/2027
A formación profesional é un conxunto de accións formativas que capacitan para o exercicio dunha profesión, preparan para o acceso ao emprego e facilitan a adaptación ás modificacións laborais que se poidan producir ao longo da vida.
Actualmente, a Formación Profesional pódese cursar por curso completo na oferta ordinaria, na modalidade presencial –asistindo diariamente ao centro formativo– ou de xeito parcial por módulos formativos no réxime de persoas adultas, nas modalidades tanto presencial como a distancia.
A matrícula parcial por módulos permite que cada persoa deseñe o seu itinerario formativo en función da súa actividade laboral, das cargas familiares ou doutras actividades. Para realizar a matricula na oferta modular é preciso ter cumpridos os 18 anos no ano natural no que se inicien os estudos.
Para realizar estudos nos centros docentes sostidos con fondos públicos é necesario, ademais de cumprir os requisitos de acceso, participar nun proceso de admisión.
Este proceso establece un sistema de prioridades na adxudicación de prazas para cada centro educativo e para cada ciclo formativo ou curso de especialización (e, de ser o caso, de cada módulo profesional), así como os prazos de presentación de solicitudes e de formalización da matrícula.
Cada tipo de oferta, modalidade e grao ten un proceso de admisión diferenciado. Consulte as instrucións xerais e os calendarios.
A formación profesional do sistema educativo comprende ciclos formativos de grao básico, de grao medio, de grao superior e cursos de especialización, cunha organización en módulos e con contidos teórico-practicos que teñen como finalidade a adquisición das competencias necesarias para unha inserción laboral satisfactoria e o desempeño de diversas profesións.
As ensinanzas están organizadas en tipos de oferta e modalidades de asistencia:
Oferta ordinaria. Matrícula por curso completo en dous cursos académicos en horarios de mañá e/ou tarde, segundo o horario establecido polo centro educativo. A asistencia ás clases é obrigatoria.
Oferta modular. Matrícula parcial por módulos que se imparten ao longo dos tres trimestres do curso. A xornada lectiva desenvólvese polo xeral en horarios de tarde-noite na modalidade presencial segundo o horario establecido polo centro. Na modalidade presencial a asistencia ás clases é obrigatoria. Na modalidade semipresencial e a distancia a asistencia é obrigatoria ás actividades de avaliación. A asistencia ás titorías e ás actividades formativas presenciais non é obrigatoria pero si recomendable.
FP dual intensiva. Ten como finalidade a cualificación profesional das persoas nun réxime de alternancia de actividades formativa e laboral nunha empresa coa formación no centro educativo. Está organizada en proxectos formativos específicos que poden ter duración de un a tres cursos e combinar varias titulacións completas ou parciais.
Formación acelerada. A súa finalidade é permitir que as persoas obteñan unha cualificación de xeito rápido, que lles permita o acceso ao emprego nos sectores clave para Galicia nos que existe plena inserción profesional, pero á súa vez que poidan acumular esta formación para obteren posteriormente un título. Esta formación caracterízase por concentrarse nun período curto de tempo, de catro a seis meses, realizándose dúas edicións por curso académico: primeira edición de setembro a xaneiro, e segunda edición de xaneiro a xuño.
Cursos de especialización. Matrícula por curso completo en un só ano académico. Teñen por obxecto completar as competencias das persoas que dispoñan dun título profesional de referencia, medio ou superior, incorporando na formación do alumnado as últimas innovacións que se produzan no sistema produtivo, sinaladamente nos ámbitos emerxentes.
Inicio do período de presentación de solicitudes de admisión para as ensinanzas de formación profesional do curso 2026-2027.
• 15 de xuño ás 9:00 ao 30 de xuño ás 13:00 horas.
Consulta o oferta de FP para o curso 2026/2027
Máis información: Consellería de Educación




Comments