Skip to main content
videoxogo

II XORNADAS DO GALEGO NO VIDEOXOGO

O Concello de Cangas, a través do Servizo de Normalización Lingüística, organiza os días 2 e 3 de outubro as II Xornadas do galego no videoxogo e uso saudable, unha proposta especialmente orientada ás familias para falar de videoxogos desde o coñecemento profesional, resolver dúbidas e ofrecer ferramentas para acompañar o seu uso no fogar.

As xornadas contarán coa participación da psiquiatra Iria Veiga e do médico de atención primaria Galo Martínez, que abordarán cuestións como o tempo de uso, os hábitos saudables, os posibles usos problemáticos ou as recomendacións para integrar os videoxogos de maneira equilibrada na vida cotiá de nenos, nenas e adolescentes.

Tamén participarán Lucas Costas, experto do Museo do Videoxogo de Galicia (MUVI), e Mario Brión (Herr Mario), que exercerá como moderador e achegará a súa experiencia como divulgador nas redes sociais.

A proposta terá un carácter aberto e participativo. As familias poderán formular preguntas, compartir preocupacións e experiencias e participar no debate, coa intención de crear un espazo próximo no que obter información útil para abordar o uso dos videoxogos con criterio.

As xornadas tamén permitirán achegarse ao videoxogo como cultura, creación e lingua, coñecer e probar videoxogos en galego e descubrir parte da historia do videoxogo galego. O galego será a lingua vehicular das sesións e do intercambio co público.

As actividades desenvolveranse o venres 2 pola tarde e o sábado 3 pola mañá na sala de exposicións do Auditorio de Cangas.

O sábado pola tarde, a partir das 16.30 horas, o Museo do Videoxogo de Galicia abrirá de balde ao público, permitindo coñecer e interactuar cos videoxogos e trasladar á práctica algunhas das cuestións abordadas durante as xornadas.

As II Xornadas do galego no videoxogo están organizadas polo Concello de Cangas, a través do Servizo de Normalización Lingüística, en colaboración co MUVI, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia.

 

https://cangas.gal/gl/actualidade/novas/ao-dia/cangas-acolle-ii-xornada…

Comments