Skip to main content
periscopio

Periscopio, un encontro para reflexionar sobre o papel da IA na cultura

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou hoxe na presentación da primeira edición de Periscopio A Coruña, un encontro profesional que se celebrará o vindeiro 2 de outubro na Domus para analizar o impacto da intelixencia artificial nos sectores culturais e creativos. A iniciativa está organizada por Fundación Contemporánea e conta co apoio do Concello da Coruña, a través do Consorcio de Turismo e Congresos, e da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA). 

A xornada reunirá pensadoras, artistas, investigadoras, profesionais da xestión cultural e especialistas en tecnoloxía para abordar un dos grandes desafíos do presente: o papel que debe desempeñar a cultura nun contexto marcado pola expansión da intelixencia artificial. Durante a presentación, Gonzalo Castro destacou a oportunidade que supón para a cidade acoller esta iniciativa. "A Coruña consolídase como un espazo de referencia para o diálogo entre cultura, innovación e coñecemento. Periscopio permitirá reunir voces de primeiro nivel para reflexionar sobre como queremos que a tecnoloxía se incorpore aos procesos creativos e culturais do futuro", sinalou.

 

Convocatoria aberta para o hackatón cultural e tecnolóxico

Periscopio A Coruña servirá tamén como punto de partida para o hackatón 'Creadores culturais & tecnólogos', unha iniciativa que reunirá profesionais da cultura e da tecnoloxía para desenvolver prototipos e ferramentas baseadas en intelixencia artificial aplicadas á creación, xestión e difusión de proxectos culturais. 

A convocatoria permanecerá aberta ata o 28 de setembro e o programa desenvolverase entre o 2 de outubro e o 16 de decembro. O obxectivo é promover a colaboración interdisciplinar e explorar aplicacións prácticas da IA que poidan incorporarse ao sector cultural.

 

https://www.coruna.gal/web/gl/actualidade/novas/nova/a-coruna-acollera-…

Comments