Skip to main content
mocidade no camiño

Mocidade no Camiño

A Xunta de Galicia promove un programa de voluntariado ambiental pioneiro na Comunidade, dirixido á mocidade, de entre 18 e 35 anos, para o coidado e a conservación do Camiño do Litoral de Galicia, a grande senda azul que une a costa galega desde Ribadeo ata A Guarda.

A actividade comezará o vindeiro 13 de novembro e celebrarase durante sete fins de semana en tres albergues xuvenís da Xunta de Galicia. Concretamente, será nas instalacións de Gandarío (Bergondo), As Sinas (Vilanova de Arousa) e A Devesa (Ribadeo).

O programa Mocidade no Camiño do Litoral está destinado á mocidade galega para coidar, protexer e poñer en valor o Camiño do Litoral de Galicia, a gran senda que conecta a costa galega dende Ribadeo ata A Guarda. 
 
O programa desenvolverase durante 7 fins de semana en tres albergues xuvenís da Xunta de Galicia: Gandarío, As Sinas e A Devesa. As quendas comezarán o venres ás 18:00h e rematarán o domingo ás 14:00h. En cada quenda poderán participar ata 15 persoas voluntarias de idades comprendidas entre os 18 e os 35 anos, que terán que chegar aos albergues polos seus propios medios. 
 
A actividade será  totalmente gratuita e estará dinamizada por persoal técnico especialista en actividades de ocio e tempo libre e en ciencias medioambientais. 
 
A metodoloxía de intervención será activa, participativa e práctica, promovendo a implicación directa das persoas voluntarias no coidado, conservación e posta en valor do patrimonio natural e cultural do Camiño do Litoral. A través de accións colaborativas, percorridos de exploración, dinámicas de sensibilización e retos grupais, procurarase fomentar a adquisición de hábitos responsables e o coñecemento da contorna, favorecendo ao mesmo tempo a convivencia, a cooperación e o intercambio de experiencias entre as persoas participantes.
 
A finalidade principal da iniciativa é contribuír á protección e mellora dos espazos polos que transita a senda, promovendo unha cultura de respecto polo medio ambiente e impulsando a participación das persoas adultas en actividades de voluntariado. Deste xeito, espérase non só obter resultados concretos na limpeza, identificación de incidencias e conservación dos espazos de actuación, senón tamén xerar unha maior conciencia ambiental e social.
 
Para acadar estes obxectivos, cada fin de semana estruturarase arredor de cinco tipos de actuacións: 
 
🐞 Coidado do Camiño: limpeza selectiva de residuos, retirada de pequenos elementos que obstaculicen o paso, mantemento básico autorizado

🐞  Detectives do Camiño: identificación e rexistro de incidencias, puntos conflitivos, sinalización deteriorada, vexetación invasiva, obstáculos, etc.

🐞 Gardiáns da litoral: limpeza de praias e espazos naturais, sensibilización sobre residuos e microplásticos

🐞 Exploradores do Camiño: Percorridos GPS, interpretación da paisaxe, identificación de patrimonio natural e cultural

🐞 Reto Camiño: Xogos, probas, desafíos por equipos, fotografía, orientación, trivial e retos ambientais
 
Requisitos de participación:
 
- Ter entre 18 e 35 anos
- Asinar o compromiso de colaboración
- Formalizar a inscrición no seguinte formulario: https://forms.gle/MxbH2Z5FerGtVUUr8
 
O formulario permanecerá aberto desde o 4 de novembro ás 12 h ata completar as prazas ofertadas.
 
Para máis información podes escribirnos a: mocidadenocaminodolitoral@xunta.gal

Comments