É unha especie de bolsiña, feita de silicona, que se introduce no interior da vaxina durante o coito. É moito máis recente có masculino pero é igualmente moi seguro cando se utiliza ben e, tamén igual có masculino, prevén o embarazo e as ETS dun xeito moi efectivo. A eficacia do preservativo feminino depende da súa correcta colocación e está entre o 95% e o 96%. Unha caixa vén con 3 preservativos e custa entre 9 e 11 euros (valor aproximado).
O condón feminino vén pregado sobre si mesmo e envasado individualmente dentro dun sobre (máis grande có do masculino), que trae impresa a garantía de esterilidade e a data de caducidade.
Só existe unha marca no mercado: Femy®. Ao abrir o sobre, atopamos a antedita bolsiña que remata no seu extremo aberto nun aro relativamente grande. Ademais, trae no seu interior outro aro solto, igualmente grande e moi flexible.

Normas para a súa correcta utilización
* Comproba a integridade do envase e a data de caducidade.
* Abre o sobriño no que vén aloxado utilizando os dedos. Evita abrilo cos dentes ou con obxectos cortantes, que poden perforar o condón.
* Coloca ou colócalle o preservativo no interior da vaxina, antes da penetración. Non é necesario facelo xusto no momento. Pódese facer un pouco antes. Para isto:
- Estira o condón, aperta un pouco entre os dedos o aro que está solto e introdúceo dentro da vaxina. Entrará sen dificultade ningunha.
- Unha vez dentro da vaxina, podes empurralo cara a dentro un pouco máis, cos dedos, ou deixar que se coloque el só, coa penetración.
- Así, o aro solto quedará na parte superior da vaxina, perto do colo do útero, e a parte inferior quedará fóra da vaxina, tapando parte do vestíbulo. O aro do bordo impedirá que se cole cara a dentro.
* Ao rematar o coito, retira o condón da vaxina, tirando por el cara a fóra. Sairá sen dificultade ningunha.
* É moi difícil que Femy rompa pero, se algo así sucedese, debes acudir ou poñerte en contacto co teu Centro 'Quérote Máis', por se precisaras anticoncepción de emerxencia.
* Os preservativos débense gardar nun sitio seco e fresco. Non debes levalos durante moito tempo no peto, ou telos moito tempo gardados no coche.
* Debes utilizar un preservativo novo en cada coito.
Nota: Unha vez dentro da vaxina, podes empurrar o condón cara dentro un pouco máis axudándote cos dedos, ou deixar que se coloque el só, coa penetración.
