Pasar al contenido principal
 

O programa Xuventude Mentoring na Empresa cambia de nome e, a partir desta convocatoria, denóminase Fórmate na Empresa, un programa que busca favorecer a formación práctica e o contacto co tecido empresarial por parte da mocidade.

A Xunta de Galicia convoca este programa coa finalidade de conceder subvencións para a posta en marcha de programas de estadías formativas para persoas mozas en empresas ou entidades públicas ou privadas, vinculadas a sectores económicos estratéxicos de Galicia (programa Fórmate na Empresa 2026).

A finalidade deste programa é reforzar a empregabilidade e as habilidades e competencias profesionais das persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil, non ocupadas e non integradas nos sistemas de educación ou formación, contribuíndo á mellora da súa formación mediante a adquisición de experiencia profesional para a súa incorporación ao mercado de traballo, cos seguintes obxectivos específicos:

a) Potenciar os programas de educación non formal en que as persoas mozas adquiran os coñecementos e habilidades máis demandados no contexto laboral actual.

b) Achegar as persoas mozas á realidade empresarial e mellorar a súa autonomía persoal.

c) Crear un ecosistema favorable á creación de oportunidades de emprego xuvenil.

d) Favorecer a captación e retención de talento en sectores económicos clave para a economía galega.

A realización das estadías formativas que formen parte das accións destes programas xerará o dereito a solicitar a expedición do certificado de experiencias en educación non formal en materia de mocidade.

Entidades beneficiarias:

a) As entidades privadas sen ánimo de lucro legalmente constituídas con sede permanente ou domicilio social en Galicia que desenvolvan actividades no eido da mocidade e/ou do emprego.

b) Os concellos galegos, mancomunidades de concellos ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a un concello.

Requisitos das persoas mozas:

a) Ter feitos os 18 anos e non superar a idade máxima que estableza a normativa vixente do SNGX.

b) Estar empadroadas na Comunidade Autónoma de Galicia cunha antigüidade mínima dun ano.

c) Estar inscritas no SNGX e figurar como beneficiarias no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Os programas de estadías formativas (programa Fórmate na Empresa) das entidades beneficiarias da subvención deberán respectar as seguintes 3 fases:

a) Organización e planificación: inclúe a convocatoria para a selección das persoas mozas participantes, que será obxecto de publicidade, o proceso selectivo e a preparación en competencias laborais, busca das empresas ou entidades en que se desenvolvan as estadías.
As empresas ou entidades en que se realicen as estadías formativas deberán ser galegas ou ter centros de traballo en Galicia e estar vinculadas aos seguintes sectores económicos estratéxicos para a nosa comunidade:
- Aeronáutica.
- Agroalimentación.
- Biotecnoloxía.
- Automoción.
- Enerxías renovables.
- Madeira/forestal.
- Metalmecánico.
- Naval.
- Pedra natural.
- Téxtil/moda.
- Tecnoloxías da información e da comunicación.
- Calidade de vida e benestar.

b) Execución e seguimento das actividades: realización das estadías formativas nas empresas/entidades seleccionadas e seguimento durante a súa realización, titorización das estadías e realización de itinerarios
personalizados de inserción das persoas participantes.

c) Avaliación e seguimento posterior á realización das estadías formativas: inclúe a avaliación dos resultados de aprendizaxe obtidos polas persoas participantes durante a actividade que suporá a realización, como mínimo, dunha xornada de orientación laboral co fin de facilitar a súa inserción laboral.

Fórmate na Empresa

As solicitudes presentaranse na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal no procedemento BS324D.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 16 de febreiro de 2026.

Máis información no DOG do 15 de xaneiro de 2026

Consulta o folleto folleto informativo