Pasar al contenido principal
 

Trátase dun envase de pílulas semellante ao dos anticonceptivos hormonais combinados. Neste caso leva 28 pílulas activas e débese tomar unha cada día, ininterrompidamente. Ten unha eficacia un pouco menor que á pílula combinada, dun 95%, e custa 6 euros (valor aproximado).

Uso

Comezas a tomar a pílula o primeiro día da regra e, a partir de aí, tomas unha diaria (que convén que sexa sempre nun mesmo momento do día), ata completar os 28 días. Unha vez rematado o envase, comézase con outro ao día seguinte.

Con este tipo de anticoncepción, as hemorraxias varían en frecuencia e cantidade dunha muller a outra. Así, pódense producir mensualmente (sempre con escasa cantidade de sangue), poden non ter un ritmo fixo, ou pódense non producir.

En calquera caso, os sangrados poden ser irregulares durante os primeiros meses, para estabilizárense despois. Por iso é un método que cómpre probar, durante algún tempo, para verificar como son os sangrados e experimentar a súa adaptación e comodidade.

É importante que saibas que:

  • Se esqueces unha pílula, debes tomala antes de que pasen 12 horas dende que a esqueceches e logo continuar tomando as outras conforme che toque. Neste caso, non aumenta o risco de fallo do método.
  • Se transcorren máis de 12 horas dende o esquecemento, debes tomala no momento no que te decates do atraso e continuar coas seguintes coma sempre pero ten en conta que aumenta o risco de fallo do método, polo que debes utilizar protección de barreira (condón), durante os sete días seguintes ao esquecemento.
  • Se tes trousos (vómitos) antes de que pase unha hora dende a toma, debes tomar unha pílula cando che pase o malestar, sempre antes das 12 horas seguintes, pero esta pílula debe ser dun envase novo, distinto ao que estás utilizando, xa que senón tomarías, ao remate, unha de menos.
  • Se tes trousos e/ou diarreas severas durante máis de 24 horas, debes suspender a toma das pílulas e usar condón para protexerte. Cando se resolva o cadro de malestar podes comezar a tomalas de novo (empezando outro envase), pero debes utilizar protección de barreira (condón), durante os 7 primeiros días.
  • Se estás tomando medicamentos anticonvulsionantes ou herba de San Xoán, debes consultar coa túa médica ou médico, porque podería haber unha diminución da eficacia do método.
  • Se estás tomando medicamentos antibióticos, antiinflamatorios ou analxésicos (calmantes), non tes por que te preocupar, porque non restan eficacia ao método. Continúa coas pílulas coma sempre.