Pasar al contenido principal
 

Dende o momento no que se sabe cal é o axente que causa a infección e como entra en contacto co organismo, pódense tomar medidas de protección… Así, por exemplo, da mesma maneira que nos podemos protexer dunha infección intestinal (desas que son bastante frecuentes durante o verán), tendo coidado coa hixiene dos productos alimenticios, tamén nos podemos protexer da infección polo VIH…

Na medida en que a vía de transmisión máis común é a través das prácticas coitais (con penetración) ou de sexo oral, imos ver que a protección é moi simple. Consiste, ou ben en impedir mediante unha barreira o contacto cos fluídos xenitais (utilizando un preservativo), ou ben en evitar as prácticas de risco (coitais ou de sexo oral), con persoas das que descoñezamos a súa situación con respecto ao VIH-SIDA.

Existen preservativos para os homes, que son os máis coñecidos e utilizados. Dende hai uns anos a esta parte, existen tamén os preservativos para mulleres, menos coñecidos pero igualmente eficaces.

En calquera caso, as prácticas sexuais que non levan risco de infección non requiren de protección.

A utilización do preservativo garante a protección contra a infección polo VIH ou contra calquera outra infección de transmisión sexual, e tamén evita os embarazos non desexados, sempre que se utilice correctamente. Isto quere dicir: colocándoo ben, para que non rompa, poñéndoo e retirándoo no momento axeitado, para que non se produzan escapes de fluído xenital, etc.

Todo isto indica que non abonda con saber que o hai que usar, tamén hai que saber usalo… Polo tanto, é moi importante que aprendades como se utiliza correctamente o condón.