Compostela en Clave
O ciclo de clases maxistrais do Centro Xove da Almáciga ten como obxectivo conectar aos mozos e mozas de Santiago, e sobre todo artistas e bandas que utilizan os locais de ensaio municipais, con profesionais da música de primeiro nivel e cunha longa traxectoria artística.
En setembro haberá dous encontros: o 19 de setembro con Leo Jiménez, o que fora vocalista de Saratoga e Stravaganzza; e o día 30, con Tino di Geraldo, considerado un dos principais percusionistas de flamenco e jazz de España e que tén traballado con artistas como Paco de Lucía ou Raimundo Amador.
No mes de outubro está prevista unha clase maxistral, o día 21, con Pepe Bao, un dos baixistas máis influíntes de España que ten colaborado con artistas como Luz Casal, Barón Rojo, Medina Azahara, ou Manolo García, e que é un dos cofundadores da banda O´Funk´illo. Por último, para novembro están programados outros dous encontros: o día 4 a clase maxistral correrá a cargo de Pablo Novoa, ex de Golpes Bajos que vén de dirixir o musical Galicia Canibal e que fixo parte da banda do programa Lait Motiv de Buenafuente; e o día 11 de novembro pechará o programa o guitarrista Jorge Martínez, líder de Ilegales.
Para cada unha das sesións ofrécense un total de 50 prazas, e terán preferencia as bandas do Centro Xove e persoas que teñan entre 14 e 35 anos e estean empadroadas no Concello de Santiago. Cada evento consistirá nunha clase maxistral, cun posterior coloquio coas persoas participantes.
A actividade é de balde, pero é preciso inscribirse desde hoxe ata o 19 de setembro, enviando un correo electrónico á dirección info@centroxove.com.




Comments