Meaño abre o prazo de solicitude de axudas para material escolar no curso 2025-2026
O Concello de Meaño vén de convocar as axudas municipais para a adquisición de material e equipamento escolar destinadas ao alumnado empadroado no municipio e matriculado en centros docentes públicos no curso 2025-2026.
As subvencións abranguen as etapas de educación infantil (2º ciclo), primaria, secundaria obrigatoria, FP básica e educación especial. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 15 de outubro de 2025, contado dende o día seguinte á publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.
Orzamento e contías
A dotación total ascende a 4.000 euros, repartidos en dúas liñas:
-
3.000 € para alumnado de infantil, primaria e educación especial.
-
1.000 € para alumnado de secundaria, FP básica e educación especial.
As contías individuais das axudas varían entre 60 e 90 euros, en función da renda per cápita familiar e da situación (familias monoparentais ou resto de familias).
Que se pode subvencionar?
As axudas cubrirán gastos de material escolar realizado entre o 1 de xullo e o 10 de novembro de 2025, como:
-
Libros de texto e de lectura obrigatoria.
-
Material funxible (cadernos, bolígrafos, cores, etc.).
-
Mochilas, estoxos, mandilóns ou chándals.
-
Material específico para alumnado con necesidades educativas especiais.
-
Equipamento informático básico.
Requisitos
Poderán solicitar estas axudas os pais, nais ou titores/as legais do alumnado que:
-
Estea empadroado e resida en Meaño.
-
Non teña cumpridos os 18 anos a 31 de decembro de 2025.
-
Pertenza a unidades familiares cunha renda per cápita igual ou inferior a 6.500 € anuais.
-
Non dispoña de determinados bens inmobles ou vehículos que superen os límites fixados nas bases.
Presentación de solicitudes
As solicitudes deben formalizarse no impreso normalizado (Anexo I) dispoñible no Concello de Meaño, podendo presentarse:
-
No Rexistro Xeral do Concello.
-
A través da sede electrónica.
-
Por calquera dos procedementos previstos na Lei 39/2015.
As axudas deberán xustificarse mediante facturas e comprobantes de pagamento, sendo o prazo límite o 10 de novembro de 2025.




Comments