Ir o contido principal
OFPRALIMUJL25

Oficios e produción alimentaria nas mans das mulleres. Memorias e iniciativas en época de crise

Microconversas entre mulleres rurais para partillar experiencias e inquedanzas, inspiradas no formato de citas rápidas, unha sesión de intercambio de sementes ou obradoiros de cestaría de follato e microorganismos no solo agrícola son algunhas das actividades previstas na xornada ‘Oficios e produción alimentaria nas mans das mulleres. Memorias e iniciativas en época de crise’, que se desenvolve o 29 de outubro na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC do Campus de Lugo.

Esta sesión que comeza ás 11.00 horas está organizada pola Fundación Juana de Vega e o proxecto Gesusa (Género, sustentabilidad y saberes rurales), financiado polo Instituto das Mulleres do Ministerio de Igualdad e integrado por unha ducia de investigadoras de distintas universidades españolas lideradas pola USC.

A matrícula pode realizarse  nun formulario en liña.

 A xornada comezará cuns relatorios baixo o epígrafe Realidades e retos das mulleres novas no sector agrario, coas achegas das profesoras e investigadoras da USC Guillermina Fernández Villar, María do Mar Pérez Fra e Dolores Vázquez Castro.

Seguidamente terán lugar os microconversatorios, facilitados polo profesor David García Romero, con experiencias e saberes en colectivo, para continuar cunha proposta de recuperación de oficios tradicionais en feminino, a cargo da asociación As Espigadoras, con Lola Tourón e Lucía Medina, e Tasca do Liño, con Lourdes Otero Mato.

Pola tarde, desenvolveranse o intercambio de sementes, coordinado pola profesora da EPSE, Dolores Vázquez Castro, e dous obradoiros paralelos: un sobre microorganismos no solo agrícola, guiado por Andrés Reboreda Rivera, e o outro de cestaría de follato, da man de Esther Rodríguez Pérez. O relatorio ilustrado da xornada correrá por conta de Adela Vázquez Veiga.


Máis información:
www.usc.gal

 

Comments