Ir o contido principal

A Deputación Provincial de Ourense convoca unha bolsa de persoal funcionario interino administrativo/a de Administración xeral

A Deputación Provincial de Ourense vén de aprobar as bases reguladoras para a formación dunha bolsa de nomeamentos como persoal funcionario interino na categoría de administrativo/a de Administración xeral (subgrupo C1), co obxectivo de cubrir necesidades temporais de persoal tanto na propia institución provincial como no Inorde.

A resolución, ditada pola Presidencia, dá continuidade á bolsa creada en decembro de 2023, cuxa vixencia expirou aos dous anos da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP). A nova convocatoria publícase conforme á normativa vixente e tras informe favorable dos servizos técnicos e da Comisión de Control e Seguimento.

Obxecto da convocatoria

A convocatoria regula o proceso selectivo para a creación dunha bolsa de nomeamentos interinos destinada á cobertura temporal de postos de administrativo/a de Administración xeral. O procedemento será o ordinario previsto na Ordenanza reguladora dos procesos de selección de persoal funcionario interino e laboral temporal ao servizo da Deputación.

Requisitos das persoas aspirantes

As persoas interesadas deberán cumprir, entre outros, os seguintes requisitos:

  • Nacionalidade española ou dalgún dos Estados membros da Unión Europea, segundo a lexislación aplicable.

  • Ter cumpridos 16 anos e non exceder a idade máxima de xubilación forzosa.

  • Estar en posesión do título de bacharelato, técnico ou equivalente.

  • Acreditar coñecemento de galego (Celga 4 ou equivalente).

  • Non padecer enfermidade nin limitación incompatible co desempeño das funcións.

  • Non ter sido separado/a do servizo dunha administración pública nin estar inhabilitado/a.

Presentación de solicitudes

O prazo de presentación de instancias será de 20 días naturais contados desde o día seguinte á publicación da convocatoria no BOP.

As solicitudes poderán presentarse:

  • De forma presencial, na Oficina de Rexistro da Deputación ou nos lugares previstos pola Lei 39/2015.

  • De forma telemática, a través da sede electrónica: https://sede.depourense.es

A taxa de participación establécese en 15 euros, con exencións e bonificacións previstas para persoas con discapacidade, desempregadas de longa duración ou membros de familia numerosa.

Sistema selectivo

O proceso desenvolverase mediante o sistema de concurso-oposición:

  • Fase de concurso (máximo 20 puntos): valoración de experiencia profesional e cursos de formación relacionados co posto.

  • Fase de oposición: proba práctica relacionada coas funcións propias do posto, cunha puntuación máxima de 30 puntos. Será necesario acadar polo menos a metade da puntuación para superala.

A puntuación final determinará a orde das persoas integrantes da bolsa.

Vixencia e funcionamento da bolsa

A bolsa terá unha vixencia de dous anos desde a súa publicación no BOP. Os chamamentos realizaranse por orde de puntuación mediante anuncio na sede electrónica da Deputación.

As persoas nomeadas que cesen volverán ocupar o posto que lles corresponda na lista, podendo ser chamadas novamente en caso de necesidade.

Contra a resolución que aproba as bases poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición no prazo dun mes ou recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses.

Comments