Bono Concilia 2026
A Consellería de Política Social e Igualdade convoca as axudas económicas do programa Bono Concilia Familia 2026, destinadas a apoiar as familias na atención das súas fillas e fillos en situacións puntuais de necesidade de conciliación e durante os períodos de vacacións escolares.
Persoas beneficiarias
Poderán solicitar estas axudas:
- Pais, nais e persoas titoras de nenas e nenos nacidos entre o 1 de xaneiro de 2013 e o 31 de decembro de 2022.
- Persoas que teñan menores en situación de acollemento familiar ou garda con fins adoptivos.
- As persoas beneficiarias deberán residir na Comunidade Autónoma de Galicia.
Nos casos de enfermidade ou accidente e nas necesidades de conciliación durante as vacacións escolares, as persoas proxenitoras, titoras, acolledoras ou gardadoras deberán estar traballando, nos termos establecidos na convocatoria.
Situacións que dan dereito á axuda
As axudas están destinadas a cubrir necesidades puntuais de conciliación derivadas de:
- Enfermidade ou accidente da nena ou neno ou da persoa coidadora habitual.
- Asistencia da persoa coidadora habitual a entrevistas de traballo ou cursos de formación.
- Situacións puntuais de carácter laboral que impidan atender a nena ou neno.
- Necesidades puntuais de coidado de familiares ata o segundo grao de parentesco.
- Necesidades de conciliación durante os períodos de vacacións escolares, cando as persoas responsables non poidan facerse cargo das crianzas por motivos laborais.
Gastos subvencionables
Poderán recibir axuda os gastos derivados de:
- Contratación temporal dunha persoa empregada do fogar para o coidado da nena ou neno.
- Contratación de servizos de atención á infancia a domicilio.
- Asistencia a ludotecas, espazos infantís ou outros servizos de conciliación autorizados.
- Asistencia a campamentos ou outros recursos colectivos de conciliación organizados especificamente por persoas físicas ou xurídicas privadas durante as vacacións escolares.
Non serán subvencionables os campamentos organizados directa ou indirectamente polas administracións públicas, incluídos os da Campaña de verán da Xunta de Galicia.
Contía das axudas
A axuda poderá cubrir:
- Ata o 100 % do custo, para familias numerosas, monoparentais, acolledoras, con garda con fins adoptivos, familias nas que algún fillo ou filla convivente teña unha discapacidade recoñecida igual ou superior ao 33 % ou familias vítimas de violencia de xénero.
- Ata o 75 % do custo no resto dos casos.
Establécense os seguintes límites máximos:
- 500 euros por unidade familiar para a contratación de persoas empregadas do fogar ou servizos de atención á infancia a domicilio.
- 200 euros por nena ou neno para os servizos de conciliación autorizados ou para campamentos e outros recursos colectivos privados de conciliación.
Períodos de vacacións escolares
A convocatoria considera períodos de vacacións escolares en 2026:
- Do 1 ao 7 de xaneiro.
- Os días 16, 17 e 18 de febreiro.
- Do 30 de marzo ao 6 de abril.
- Do 20 de xuño ao 8 de setembro.
Prazo e presentación das solicitudes
O prazo para solicitar as axudas será de un mes:
📅 Do 9 de setembro de 2026, ás 09.00 horas, ao 9 de outubro de 2026, ás 14.00 horas.
As solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, mediante o procedemento BS412A.
Poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos na sede electrónica, incluído Chave365.
Deberá presentarse unha única solicitude por cada nena ou neno e por un único tipo de gasto, agás nos supostos de custodia compartida.
Máis información
Procedemento: BS412A – Bono Concilia Familia 2026 https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?langId=es_ES&codtram=BS412A…
A información e os formularios están dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Tamén se pode obter información a través do teléfono 012 e dos enderezos electrónicos habilitados pola Consellería de Política Social e Igualdade.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260901/AnuncioG0762-180826-…




Comments