Ir o contido principal
convivio

CONVIVIO Encontro Transfronteirizo en Ribadavia

Ribadavia acollerá o vindeiro 21 de novembro a segunda edición do CONVIVIO Territorios Conectados: Cultura, ruralidade e identidades, un encontro transfronteirizo sobre cultura, ruralidade e identidades no noroeste peninsular

A cita reunirá a creadores, xestores culturais, colectivos e público xeral de Galicia, Portugal e o conxunto do Estado
para debater sobre innovación social, redes de colaboración e sustentabilidade no medio rural.

Organizado por Arraiane(s) Estudo e a OMIX de Ribadavia, en colaboración co Concello de Ribadavia, o Museo Etnolóxico
de Ribadavia pertencente a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, e varios colaboradores privados, o evento aposta por visibilizar a forte vitalidade cultural dos nosos territorios.

O proxecto nace dunha premisa clara: o rural non é un espazo baleiro que cómple encher, senón un territorio habitado onde xa se fai cultura de xeito activo. O evento toma o seu nome do concepto clásico convivium (o banquete, a mesa longa, o encontro compartido) e da sensibilidade achegada dende o país veciño. 

O seu obxectivo principal é artellar un espazo de encontro interterritorial aberto a calquera persoa interesada en participar, reflexionar e coñecer de primeira man os proxectos que sosteñen o medio rural fronte aos retos da despoboación e do envellecemento demográfico.

A xornada estruturarase ao longo de todo o día combinando espazos de reflexión teórica, roteiros patrimoniais e propostas escénicas:

📌 Punto de partida e mesas de debate: Tras a apertura institucional no Museo Etnolóxico de Ribadavia, o programa arrincará co laboratorio «O Ribeiro como laboratorio: cultura, viño, memoria e comunidade». A continuación, celebraranse as mesas temáticas: «A Raia: Máis alá dunha fronteira. Identidades comúns e cooperación» e o bloque adscrito ao Noroeste, titulado «Desde as marxes: Prácticas descentralizadas, redes e sustentabilidade».

📌 Patrimonio e cultura viva: Ao mediodía, as persoas asistentes poderán desfrutar do xantar na Igrexa da Madalena (con inscrición previa). Xa pola tarde, o público poderá participar no roteiro cultural participativo polo conxunto histórico de Ribadavia titulado «Imaxinar os eventos», guiado por Claudio Vázquez.

📌Artes escénicas e música: A programación cultural continuará coa conferencia escénica «A visión social da cultura»
a cargo de Alberto de Boiro no establecemento A Huella do Gato Negro, as pezas artísticas «Yegua» (de Marion Sage) e «Calla, aún se puede decir algo» (de Alexia Sayago) na Igrexa da Madalena, e o broche final da xornada co tradicional «Serán ou non serán» (con música en directo e ambiente festivo) de volta na Praza Maior.

Inscricións e participación aberta: 
O evento está aberto a todo o público que queira asistir ás mesas, ao xantar ou ás actividades culturais previa inscrición. AVISO: aforo completo, inscricións pechadas.

As actividades de tarde, a partir das 17 horas, non necesitan de inscrición previa, a entrada é libre ata completar aforo.

PROGRAMA

Máis información: OMIX de Ribadavia
Tel: +34 988 471929
Fax: +34 988 477101
E: omix.ribadavia@gmail.com
 

Comments