Ir o contido principal
EXPROSALIAFONUSC25

Exposición 'Rosalía en Fonseca. O xardín da revolución'

No Claustro Alto do Colexio de Fonseca exhíbese a exposición 'Rosalía en Fonseca. O xardín da revolución' dende o 9 de abril ó 30 de maio.

Rosalía de Castro nace no mesmo ano no que, por primeira vez, unha muller consegue entrar na Biblioteca Nacional. Con todo, hoxe en día coñécese que a nai da autora, dona Teresa Castro Abadía, se preocupou, de xeito moi consciente, pola súa educación.

Na adolescencia, Rosalía beneficiouse da instrución musical, dramática, literaria e pictórica recibida como froito da súa vinculación aos círculos progresistas do Liceo da Xuventude e desde o seu nacemento ata o matrimonio co Murguía, con certeza a escritora participou das ideas xeradas desde a Universidade, incluídas as científicas e, máis especificamente, as botánicas.

Con estes antecedentes, ao abeiro da recén estreada Cátedra Rosalía de Castro, baixo o auspicio do Museo de Historia Natural da USC, e grazas ao financiamento dunha bolsa Leonardo da Fundación BBVA, semella chegada a hora dunha restitución que permita o ingreso simbólico, con honores, da autora Rosalía de Castro na Universidade de Santiago de Compostela.

A mostra pode visitarse luns a venres, en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas.

Máis información:
www.usc.gal

 

Comments