Pasar al contenido principal
Proxecto 0229_DESAFIOS_JOVENS_GNP_1_E

XERACIÓN EMPRENDE. A RUTA RURAL DO EMPRENDEMENTO XUVENIL

A Dirección Xeral de Xuventude, dependente da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, pon en marcha unha iniciativa que ten a finalidade de achegar ao territorio rural galego recursos, ferramentas e oportunidades para favorecer o emprendemento, a empregabilidade e o desenvolvemento profesional da mocidade e das mulleres mediante un modelo participativo e de proximidade.

O programa combina accións presenciais, formación en liña e actividades de mentorizaxe; creando un itinerario completo que permite ás persoas participantes descubrir o seu potencial, adquirir novas competencias e avanzar na construción do seu proxecto profesional ou emprendedor. 

O programa está dirixido principalmente á mocidade e ás mulleres do rural galego.

Xeración emprende

Roteiro rural do emprendemento xuvenil

Data Lugar Horario Emprazamento previsto para o stand e a furgoneta informativa
28/08/2026 Palas de Rei 10:00 - 14:00 Praza do Concello
31/08/2026 Celanova 10:00 - 14:00 Praza Maior
20/09/2026 Cambre 10:00 - 14:00 Diante do concello
22/09/2026 Avión 11:00 - 13:00 Campo da Feira
22/09/2026 Beariz 16:30 - 18:30 Praza do Concello
26/09/2026 Negreira 10:30 - 14:30 Praza do Concello
29/09/2026 Boborás 12:00 - 14:00 Diante do CEIP Xuvencos
29/09/2026 O Irixo 17:00 - 19:00 Plaza Manuel Penedo 10 (Praza do concello)
02/10/2026 O Carballiño 10:00 - 14:00 Na "pista roxa" da Praza do Emigrante
07/10/2026 A Laracha 9:00 - 13:30 IES Agra de Leboris
16/10/2026 Ribadavia 9:30 - 13:30 IES O Ribeiro
16/10/2026 Carballeda de Avia 16:30 - 18:30 Alameda
20/10/2026 Viana do Bolo 10:00 - 14:00 IES Carlos Casares
22/10/2026 Val do Dubra 10:00 - 14:00 Rúa Arcai, 41, ao lado do concello
23/10/2026 Vilagarcía de Arousa   CIFP Fontecarmoa
27/10/2026 Maceda 9:20 - 13:20 IES San Mamede
28/10/2026 Cee Pola mañá IES Fernando Blanco

 

Convocatoria para concellos

Ábrese o prazo para que os concellos interesados soliciten a realización dunha das 15 intervencións presenciais previstas nesta primeira edición do programa.

A participación é gratuíta e as prazas asignaranse por orde de inscrición ata completar o número máximo de intervencións dispoñibles.

As actividades poderán adaptarse ás características e necesidades de cada municipio, desenvolvéndose en institutos, centros de formación profesional, espazos xuvenís, feiras, eventos locais ou outras iniciativas dirixidas á mocidade e ás mulleres do rural.

As intervencións están previstas, con carácter orientativo, entre setembro e outubro de 2026.

Un programa en tres fases

1. Intervencións presenciais itinerantes

O programa desenvolverá 15 actuacións presenciais en distintos puntos de Galicia a través dun espazo dinámico e participativo que achegará ás persoas participantes experiencias de información, orientación e activación emprendedora.

Durante cada intervención realizaranse actividades breves e participativas orientadas a:

  • Identificar talentos, fortalezas e competencias persoais.
  • Reforzar a confianza e a iniciativa.
  • Traballar a creatividade e a xeración de ideas.
  • Mellorar a capacidade de toma de decisións.
  • Dar a coñecer recursos e oportunidades de emprendemento e empregabilidade.

Estas actuacións permitirán achegar os recursos do programa directamente ao territorio, facilitando o acceso da mocidade e das mulleres do rural a novas oportunidades de desenvolvemento persoal e profesional.

2. Formación online e acompañamento

Tras a participación nas actividades presenciais, as persoas interesadas poderán acceder a un campus virtual de formación e activación profesional.

Este espazo ofrecerá contidos prácticos e accesibles relacionados coa empregabilidade, o emprendemento, a comunicación e marca persoal, o apoderamento feminino, as ferramentas dixitais, a innovación e os recursos de apoio ao desenvolvemento profesional.

A formación permitirá que cada participante poida avanzar no deseño dunha idea emprendedora, dun proxecto propio ou dun itinerario de mellora profesional mediante un proceso guiado paso a paso. 

3. Evento final

O programa culminará cun encontro presencial no marco de Xuventude na Onda, concibido como un espazo de encontro, aprendizaxe, inspiración e recoñecemento.

Durante a xornada presentaranse os resultados do programa, realizaranse actividades abertas ao público e entregaranse diplomas ás persoas que completen a formación en liña.

Ademais, recoñeceranse os proxectos máis destacados desenvolvidos durante o itinerario formativo e contarase coa participación dunha persoa referente no ámbito do emprendemento, da innovación ou da creación de contido, que compartirá a súa experiencia coa mocidade participante.

Como solicitar unha intervención?

Os concellos interesados deberán cubrir a partir do 3 de agosto de 2026 o seguinte formulario de solicitude:

INSCRICIÓNS EN
https://apunta.xunta.gal/gl/form/xeracion-emprende-concellos

As solicitudes atenderanse por orde de recepción ata completar as 15 actuacións previstas.