
Obradoiro Ecocápsulas do Futuro: Supervivencia e Tecnoloxía nun Clima Cambiante
O Centro GaiásTech da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia organiza o obradoiro Ecocápsulas do Futuro: Supervivencia e Tecnoloxía nun Clima Cambiante, os días 10 e 24 de abril, véspera do Día Internacional das Rapazas nas TIC.
A actividade está aberta a nenos e nenas de 9 a 13 anos que terán a oportunidade de deseñar, construír e automatizar a súa propia ecocápsula e aprenderán a controlar o ambiente interno dese espazo, empregando tecnoloxía de control ambiental e deseño 3D. A elaboración do proxecto parte da premisa dun desastre climático que obriga á humanidade a crear ecocápsulas autosuficientes para sobrevivir. As e os participantes terán que definir que elementos (plantas, rocas...) incorporan ás súas cápsulas e integrar os sistemas de electrónica e sensórica que lles permitirán controlar os parámetros de humidade, luz etc... para a correcta observación dese ecosistema.
As inscricións, que darán prioridade ás rapazas, poden realizarse no portal do GaiásTech, ata esgotarse as 15 prazas dispoñíbeis.
O taller enmárcase nas actuacións da Xunta para fomentar as vocacións STEAM entre as rapazas desde idades temperás a través de actividades lúdico formativas que esperten o seu interese neste ámbito.
Comments