Pasar al contenido principal
 

Trátase dunha inxección intramuscular, que contén, igual cás minipílulas, un proxestáxeno sintético, e tamén, igual que no caso anterior, é un método moi seguro. Ten unha eficacia dun 99% e custa 3 euros (valor aproximado).

Uso

A administración da primeira dose depende de que esteas utilizando outro método hormonal:

  • Se non o estás utilizando, débencha administrar dentro dos cinco primeiros días do ciclo que, como lembrarás, comeza o primeiro día da regra.
  • Se o estás utilizando, pódencha administrar en calquera momento.

En calquera dos dous casos, as doses sucesivas adminístranse cada noventa días.

Cando se utiliza este método, igual que no caso da minipílula, os sangrados poden ser irregulares durante os primeiros meses, para estabilizárense despois, pero a tendencia é a non sangrar ou facelo de cando en vez, eliminando pequenas cantidades. Por iso é un método que cómpre probar, durante algún tempo, para comprobar como son os sangrados e experimentar a súa adaptación e comodidade.

É importante que saibas que:

  • Se che administran a primeira dose de inxectable transcorridos máis de 5 días dende o comezo do ciclo (supoñendo que non esteas utilizando outro método hormonal), debes consultar o tema no teu Centro de Orientación Familiar ou no Centro de asesoramento afectivo-sexual, xa que isto diminúe a súa efectividade e, en consecuencia, aumenta o risco de embarazo.
  • As doses seguintes á primeira, teñen unha marxe de seguridade de 15 días. É dicir, que poden transcorrer ata 105 días dende a dose anterior, sen que por isto diminúa a súa seguridade.
  • Se che administran unha dose de inxectábel transcorridos máis de 105 días dende a anterior, debes consultar o tema no Centro de Orientación Familiar ou no Centro de asesoramento afectivo-sexual, xa que isto diminúe a súa efectividade e, en consecuencia, aumenta o risco de embarazo.
  • Se estás tomando medicamentos de calquera tipo, non te preocupes, porque non hai interferencia ningunha entre estes e o método. A eficacia é a mesma.