É unha especie de funda de látex, moi delgada e lubricada, que se coloca recubrindo o pene cando está en erección. A eficacia do contón (97%) depende da súa correcta colocación e a unidade custa 0,50 euros (valor aproximado). Ven enrolado sobre si mesmo, formando un anel, e envasado individualmente dentro dun sobriño, que trae impresa a garantía de esterilidade e a data de caducidade.
É un método moi seguro cando se usa correctamente, tanto para a prevención do embarazo como das ETS.
Hai moitos tipos e marcas de condóns (lisos, rugosos, de cores, con sabores, etc.). Tamén existen coas paredes reforzadas, máis resistentes cós outros, especialmente pensados para o coito anal. Neste caso, adoita de precisarse unha lubricación extra, ademais da que xa trae o preservativo.
Normas para a súa correcta utilización
* Usa preservativos de calidade (mercados en farmacia ou parafarmacia).
* Comproba a integridade do envase e a data de caducidade.
* Abre o sobriño no que vén aloxado utilizando os dedos. Evita abrilo cos dentes ou con obxectos cortantes, que poden perforar o condón.
* Coloca ou colócalle o preservativo no pene, dende o principio da erección. Para isto:
- Sitúa o anel (forma na que ven enrolado) sobre a punta do pene, coidando de que a parte que desenrola quede cara a fóra.
- Pinza con dous dedos a pequena prolongación en forma de ampola que o condón ten na punta, para evitar que quede aire nese espazo.
- Desenrola o preservativo ata que chegue á base do pene, coa outra man, deslizándoa suavemente.
* Se fose preciso lubricar o condón, non utilices nunca vaselina, nin lubricantes que conteñan derivados do petróleo, que poden danar o látex. Tampouco utilices cuspe, xa que pode conter axentes infecciosos, responsables de ETS. Utiliza lubricantes a base de auga ou ben cremas espermicidas.
* Ao rematar o coito, debes retirar o pene da vaxina cando está aínda en erección, mantendo suxeito o bordo que está na base do pene. Se non o fas así, corres o risco de que quede dentro da vaxina ou de que se derrame algo de esperma. En ambos os dous casos aumenta moito o risco de embarazo e de contaxio de ETS.
* Se o condón rompe durante o coito, debes retiralo de seguida e substituílo por outro novo. Aínda así, ten en conta que debes acudir ao Centro de asesoramento afectivo-sexual, por se precisaras anticoncepción de emerxencia.
* Os preservativos débense gardar nun sitio seco e fresco. Non debes levalos durante moito tempo no peto ou telos moito tempo gardados no coche.
* Debes utilizar un preservativo novo en cada coito e nunca debes colocar un preservativo encima de outro.
