Ir o contido principal
 

Acción de Verán 2026

A Xunta de Galicia ofrece a posibilidade de que a xuventude galega empregue o seu tempo libre estival participando en actividades de educación non formal de carácter lúdico, cultural, deportivo, formativo, etc. Para iso, cada ano preséntase a Campaña de Verán, unha iniciativa ambiciosa que non só é unha actividade de ocio para os mozos e mozas galegos, senón que tamén é un recurso de conciliación da vida familiar e laboral.

Baixo o lema Modo verán activo, a Campaña de Verán de 2026 da Xunta de Galicia   oferta, durante os meses de xullo, agosto e setembro, as seguintes accións:

  • Campamentos en Galicia.
  • Minicampamentos “Coñece Galicia”, de 5 días de duración.
  • Campos de voluntariado en Galicia, noutras comunidades autónomas e no estranxeiro.
  • Programas de intercambios bilaterais con outras comunidades autónomas.
  • Uso de instalacións xuvenís por parte de entidades e grupos de persoas mozas non asociadas.
  • Actividades de ocio alternativo para maiores de 18 anos.

Serán, en total, 11.932 prazas, o que supón a maior oferta da historia destas actividades de verán programadas polo Goberno galego.

En aplicación do principio de transversalidade das políticas en materia de discapacidade e co obxectivo de que a inclusión social sexa unha realidade ao tempo que se favorece a interacción e a convivencia entre toda a mocidade, as mozas e mozos galegos con discapacidade poden decidir sobre a modalidade de participación á que desexan optar: polas prazas do procedemento xeral ou polas prazas reservadas para inclusión. Cómpre lembrar que tamén existe a posibilidade de optar pola convocatoria de campamentos específicos para persoas con discapacidade.
 

ÁREAS DE PARTICIPACIÓN

1. CAMPAMENTOS E MINICAMPAMENTOS "COÑECE GALICIA"

Son unha forma diferente e divertida de pasar as vacacións estivais.

As diferentes actividades que integran a programación dos campamentos levaranse a cabo en diversas quendas de entre oito e doce días de duración durante os meses de xullo, agosto e setembro.

Os minicampamentos “Coñece Galicia” son unha iniciativa lúdico-formativa que se desenvolve en instalacións xuvenís e aloxamentos turísticos distribuídos por toda a xeografía galega en estancias de cinco días, e que sirve tanto para apoiar a adquisición de competencias e habilidades por parte das persoas máis novas como para fomentar o coñecemento da riqueza natural e patrimonial de Galicia, o coidado do medio ambiente e o ocio educativo.

Pódese escoller o campamento ou o minicampamento que se queira en función da idade e das actividades que se leven a cabo nel: actividades diversas que van desde a náutica, deportiva, ambiental, artística, patrimonial vinculada ao Camiño de Santiago, científica, agrícola, etc.

A publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia está prevista para este mes de abril.

Prazo de presentación de solicitudes: desde o 16 de abril.

Forma de presentación das solicitudes:  

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal

O formulario de solicitude estará dispoñible na sede electrónica o día de apertura do prazo de presentación.

Código do procedemento para o buscador da Sede:

ANEXO II -Solicitude. Procedemento: CÓDIGO BS303A

Unha vez presentada a solicitude, o número de expediente poderá consultarse no apartado "A miña sede" da Sede Electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Máis información: 

Actividade financiada polo Ministerio de Igualdade, Secretaria de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero, no marco do Plan Corresponsables.

Consulta aquí toda a información dos campamentos, tanto dos que se programan en Galicia como das opcións para galegos/as noutras comunidades autónomas.

FOLLETO INFORMATIVO 

Teléfonos de información (anexo VI).

DATA DO SORTEO: Conforme ao artigo 6 da orde de convocatoria, o día e hora e lugar de realización do sorteo anunciarase neste espazo.

 

⚠️ AS PERSOAS CUNHA PRAZA ADXUDICADA nun campo no ESTRANXEIRO que por calquera causa NON XUSTIFICADA RENUNCIEN á dita praza ou non acheguen a documentación no prazo de 2 días hábiles seguintes á adxudicación, QUEDARÁN EXCLUIDAS da participación na actual campaña deste programa de campos de voluntariado no estranxeiro.

2. CAMPOS DE VOLUNTARIADO 2026

Os campos de voluntariado son actividades realizadas en colaboración con concellos e entidades, encamiñadas a favorecer e fomentar a convivencia, a participación, a tolerancia e a solidariedade entre a mocidade e a súa contorna, a través da colaboración desinteresada e voluntaria en traballos diversos que se levan a cabo en diferentes comunidades e cidades autónomas e en distintos países, baixo o patrocinio, control ou organización de entidades e organismos oficiais, asociacións xuvenís, culturais, humanitarias, etc.

É requisito ter cumpridos os 18 anos a data de inicio do campo de voluntariado e non cumprir os 31 antes do seu remate.

A oferta de campos de voluntariado está composta por:

- Campos de voluntariado en Galicia (CONVOCATORIA ABERTA). Ir

- Campos de voluntariado noutras CCAA (CONVOCATORIA PECHADA). Ir

- Campos de voluntariado no estranxeiro (CONVOCATORIA ABERTA). Ir

AS PERSOAS CUNHA PRAZA ADXUDICADA  nun campo no estranxeiro que por calquera causa NON XUSTIFICADA RENUNCIEN á dita praza ou non acheguen a documentación no prazo de 2 días hábiles seguintes á adxudicación, QUEDARÁN EXCLUIDAS  da participación na actual campaña deste programa de campos de voluntariado.

Máis información:

 

2.1. Campos de voluntariado en Galicia

Os campos de voluntariado en Galicia estarán suxeitos a 2 convocatorias:

1ª CONVOCATORIA

Prazo de solicitude: día Do 16 ó 29 e abril. A apertura do formulario de solicitude, que estará dispoñible nesta web, será ás 9:00 horas do 16 de abril.

Durante os 3 primeiros días desta convocatoria, cada persoa solicitante só poderá enviar un formulario, no que elixirá ata un máximo de tres campos de voluntariado, entre os que se lle asignará un deles, de ser o caso. Cómpre lembrar que as prazas serán adxudicadas por rigorosa orde de recepción das solicitudes.

2ª CONVOCATORIA

Unha vez asignadas as prazas da 1ª convocatoria, abrirase de novo o formulario na web para aqueles campos con prazas dispoñibles, que permanecerá aberto ata 3 días antes do inicio do campo, de existir prazas vacantes.

A apertura do prazo desta convocatoria será publicado nesta web.

Poderá optar a estas prazas vacantes calquera persoa, incluso aquelas con praza xa adxudicada noutro campo.

Consulta a oferta e solicita

 

2.2. Campos de voluntariado no estranxeiro

Apertura do prazo de solicitude: 5 de marzo de 2026, ás 9:00 h. A convocatoria permanecerá aberta todo o ano ou ata esgotar as prazas.

AVISO IMPORTANTE: A proposta de campos de voluntariado no estranxeiro procede directamente das organizacións internacionais que se integran na Alianza de Organizacións de Voluntariado Europeo (en diante Alianza). Galicia participa na Alianza a través da representación que asume o Instituto de la Juventud de España (en diante, INJUVE), que é membro de pleno dereito da organización, en representación das comunidades e cidades autónomas de España. A Xunta de Galicia non ten competencia nin responsabilidade na organización dos campos de voluntariado no estranxeiro que se ofertan pola Alianza. Esta organización compete ás respectivas organizacións internacionais (membros da Alianza) promotoras dos distintos campos no estranxeiro. En consecuencia, a Xunta de Galicia non é responsable dos posibles incumprimentos ou cambios que a entidade estranxeira organizadora decida facer na súa programación nin dos conseguintes gastos que se poidan derivar, e no caso de calquera incumprimento ou deficiencia na prestación do servizo, deberá reclamarse directamente á asociación ou entidade estranxeira organizadora do campo. No obstante, desde a Dirección Xeral de Xuventude (e desde o INJUVE), como intermediarios entre as persoas voluntarias e a entidade que promove o campo campo, estaremos á túa disposición para axudarche na reclamación.

COTA DE PARTICIPACIÓN

A cota de participación é de 110€ (82,50€) no caso de acollerse a algún dos descontos).

Descontos aplicables á cota de participación (non acumulables):

  • Carné xove: -25% na cota de participación.
  • Carné de familia numerosa: -25% na cota de participación.
  • Familia monoparental: -25% na cota de participación.
  • Familia de acollida: -25% na cota de participación.

Esta cota de participación inclúe:

  • Os gastos de manutención, aloxamento, os derivados das propias actividades dos campos unha vez producida a incorporación ao campo e máis o seguro de accidentes e responsabilidade civil.

Lembra que, se es titular de Carné xove (debidamente activado), co teu carné tes asociado un seguro de asistencia en viaxe. Podes consultar toda a información en: carnexove.xunta.gal 

Non inclúe:

  • Os gastos ocasionados pola viaxe (ida e volta) ata o lugar de celebración do campo, que correrán a cargo da persoa voluntaria.
  • A cota extra de participación naqueles casos onde se estableza pola organización estranxeira.

Exclamación!!Algúns campos de voluntariado, pola súa temática, acceso, localización, aloxamento ou calquera outra peculiaridade especial, teñen un custo adicional ou COTA EXTRA que a persoa voluntaria deberá satisfacer a organización estranxeira á CHEGADA O CAMPO, salvo indicación contraria. Esta cota extra que aplican discrecionalmente algunhas organizacións estranxeiras, especifícase na ficha informativa de cada campo de voluntariado.

 Cota Extra

Exclamación!!ACLARACIÓN: as persoas galegas que soliciten un campo de voluntariado da organización armenia HUJ, estarán exentas de pagar a cota extra especificacada para os seus campos.

COMO SOLICITAR A TÚA PRAZA

A través deste enlace poderás consultar e solicitar os campos de voluntariado no estranxeiro ata un máximo de 3 opcións por orde de prioridade. 

ADXUDICACIÓN DE PRAZA

As prazas serán adxudicadas, mentres existan vacantes, por rigorosa orde de recepción das solicitudes.

IMPORTANTE:

  1. Unha vez adxudicada a praza recibirás un correo electrónico coas instruccións para o pagamento da cota de participación e para formalizar a inscrición máis toda a documentación que deberás presentar cuberta e asinada no prazo de 2 días hábiles que contarán desde o envío do correo electrónico de adxudicación da praza.
  2. Toda a documentación deberase enviar por correo electrónico ao enderezo: camposdevoluntariado.xuventude@xunta.gal
  3. Unha vez recibida e revisada esta documentación, confirmaremos por correo electrónico a súa validación e polo tanto a finalización do proceso de inscrición. A partir deste momento poderás considerarte correctamente inscrito/a.

Exclamación!!RECOMENDAMOS esperar a recibir este correo electrónico antes de xestionar a compra das pasaxes necesarias para chegar ao punto de encontro.

Se xurdira un imprevisto que che impida participar no campo de voluntariado que teñas asignado, deberás comunicar a túa renuncia o máis axiña posible para liberar a praza e poñela a disposición doutra persoa interesada. Correo electrónico: camposdevoluntariado.xuventude@xunta.gal 

TEN PRESENTE: a NON comunicación dunha renuncia impedirá a participación doutra persoa.

RECOMENDACIÓN

Á hora de realizar unha viaxe ao estraxeiro, recomendámosche consultar os seguintes apartados do Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación e do Ministerio de Sanidade:

Consulta a oferta e solicita

 

2.3. Campos de voluntariado noutras CCAA

1ª Convocatoria

O prazo desta convocatoria abre o día 22 de abril, ás 9:00 h. e pecha o día 29 de abril ás 14:00 h.

Unha persoa non poderá ser adxudicataria de máis dun campo de voluntariado nesta convocatoria. Para participar nun segundo campo de voluntariado, haberá que esperar á segunda convocatoria.

A solicitude presentarase en liña, no enlace que se habilitará o día de apertura do prazo na páxina web xuventude.xunta.es.

2ª Convocatoria ou repesca

Unha vez pechada a 1ª convocatoria o programa prevé, para os campos noutras CCAA, unha nova oferta xeneralizada de prazas en 2ª convocatoria ou repesca. Os campos con prazas libres poderán ser os mesmos que os ofertados inicialmente ou novos.

O prazo para solicitar en 2ª convocatoria as prazas para os campos noutras CCAA comezará o 20 de maio ás 9:00h. Este prazo permanecerá aberto permanentemente ata esgotar as prazas ou ata 5 días antes do inicio do campo.

O procedemento de solicitude será o mesmo que o establecido para a 1ª convocatoria.

3. CESIÓN DO USO DE INSTALACIÓNS XUVENÍS DA CONSELLERÍA DE CULTURA, LINGUA E XUVENTUDE PARA A REALIZACIÓN DE PROGRAMAS DE LECER EDUCATIVO E DE TEMPO LIBRE (Só para entidades ou grupos asociados)

Mediante esta convocatoria preténdese articular a utilización das instalacións xuvenís das que é titular a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, co obxecto de facilitarlle á mocidade o acceso a instalacións xuvenís para o desenvolvemento de programas de lecer educativo e tempo libre, sen ánimo de lucro, dentro da programación da Campaña de verán 2026, conscientes de que as asociacións xuvenís, as entidades que desenvolven actividades para a xuventude e os grupos de persoas mozas non asociadas destinatarios da convocatoria, non sempre dispoñen dos medios e instalacións axeitadas para tales fins.

Con este fin, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude oferta o uso de instalacións xuvenís durante o período comprendido entre o 16 de xuño e o 10 de setembro.

A orde de convocatoria saíu publicada no Diario Oficial de Galicia do mércores 15 de abril.

Orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia

Prazo de presentación de solicitudes: sete (7) días hábiles desde o seguinte ao da publicación no Diario oficial de Galicia (do 16 ao 24 de abril).

Forma de presentación de solicitudes:

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal

O formulario de solicitude estará dispoñible na sede electrónica o día de apertura do prazo de presentación.

Código do procedemento para o buscador da Sede: BS304A

Información xeral

FASE DE RESULTAS

No caso de que unha vez adxudicadas as prazas quedasen prazas sobrantes, disporase delas en fase de resultas.

A oferta de prazas e o procedemento para solicitalas e adxudicalas publicarase neste apartado.

4. ACTIVIDADES DE OCIO ALTERNATIVO PARA MAIORES DE 18 ANOS

En preparación.