A Xunta de Galicia ofrece a posibilidade de que a xuventude galega empregue o seu tempo libre estival participando en actividades de educación non formal de carácter lúdico, cultural, deportivo, formativo, etc. Para iso, cada ano preséntase a Campaña de Verán, unha iniciativa ambiciosa que non só é unha actividade de ocio para os mozos e mozas galegos, senón que tamén é un recurso de conciliación da vida familiar e laboral.
Baixo o lema O teu mellor verán, a Campaña de Verán de 2024 da Xunta de Galicia oferta, durante os meses de xullo, agosto e setembro, as seguintes accións:
- Campamentos en Galicia.
- Campos de voluntariado en Galicia, noutras comunidades autónomas e no estranxeiro.
- Programas de intercambios bilaterais con outras comunidades autónomas.
- Programa “Conecta con Galicia” para a mocidade galega do exterior.
- Minicampamentos “Coñece Galicia”, de 5 días de duración.
- Uso de instalacións xuvenís por parte de entidades e grupos de persoas mozas non asociadas.
- Actividades de ocio alternativo para maiores de 18 anos (novo)
Serán, en total, 11.533 prazas, o que supón a maior oferta da historia destas actividades de verán programadas polo Goberno galego.
En aplicación do principio de transversalidade das políticas en materia de discapacidade e co obxectivo de que a inclusión social sexa unha realidade ao tempo que se favorece a interacción e a convivencia entre toda a mocidade, as mozas e mozos galegos con discapacidade poden decidir sobre a modalidade de participación á que desexan optar: polo procedemento xeral ou polo procedemento das prazas reservadas de inclusión. Cómpre lembrar que tamén existe a posibilidade de optar pola convocatoria de campamentos específicos para persoas con discapacidade.
ÁREAS DE PARTICIPACION
Son as seguintes:
1. CAMPAMENTOS
Son unha forma diferente e divertida de pasar as vacacións estivais.
As diferentes actividades que integran esta programación levaranse a cabo en diversas quendas de entre oito e doce días de duración durante os meses de xullo, agosto e setembro.
Pódese escoller o campamento que se queira en función da idade e das actividades que se leven a cabo nel: actividades diversas que van desde a náutica, deportiva, ambiental, artística, patrimonial vinculada ao Camiño de Santiago, científica, agrícola, etc.
2. CAMPOS DE VOLUNTARIADO 2025
Os campos de voluntariado son actividades realizadas en colaboración con concellos e entidades, e encamiñadas a favorecer e fomentar a convivencia, a participación, a tolerancia e a solidariedade entre a mocidade e a súa contorna, a través da colaboración desinteresada e voluntaria en traballos diversos que se levan a cabo en todas as comunidades autónomas e en distintos países, baixo o patrocinio, control ou organización de entidades e organismos oficiais, asociacións xuvenís, culturais, humanitarias etc.
É necesario ter os 18 anos ao inicio do campo de voluntariado e non cumprir os 31 antes do seu remate.
A oferta de campos de voluntariado está composta por:
- Campos de voluntariado en Galicia (CONVOCATORIA PECHADA). Ir
- Campos de voluntariado noutras CCAA (CONVOCATORIA PECHADA). Ir
- Campos de voluntariado no estranxeiro(CONVOCATORIA ABERTA). Ir
Máis información:
- Condicións xerais
- Cota de participación
- Documentación para entregar
- Renuncia á praza
- Seguro
- Teléfonos de información
2.1. Campos de voluntariado en Galicia
En preparación
2.2. Campos de voluntariado no estranxeiro
Apertura do prazo de solicitude: 3 de marzo de 2025, ás 9:00 h. A convocatoria permanecerá aberta ata esgotar as prazas.
AVISO IMPORTANTE: A proposta de campos de voluntariado no estranxeiro procede directamente das organizacións internacionais que se integran na Alianza de Organizacións de Voluntariado Europeo (en diante Alianza). Galicia participa na Alianza a través da representación que asume o Instituto de la Juventud de España (en diante, INJUVE), que é membro de pleno dereito da organización, en representación das comunidades e cidades autónomas de España. A Xunta de Galicia non ten competencia nin responsabilidade na organización dos campos de voluntariado no estranxeiro que se ofertan pola Alianza. Esta organización compete ás respectivas organizacións internacionais (membros da Alianza) promotoras dos distintos campos no estranxeiro. En consecuencia, a Xunta de Galicia non é responsable dos posibles incumprimentos ou cambios que a entidade estranxeira organizadora decida facer na súa programación nin dos conseguintes gastos que se poidan derivar, e no caso de calquera incumprimento ou deficiencia na prestación do servizo, deberá reclamarse directamente á asociación ou entidade estranxeira organizadora do campo. No obstante, desde a Dirección Xeral de Xuventude (e desde o INJUVE), como intermediarios entre as persoas voluntarias e a entidade que promove o campo campo, estaremos á túa disposición para axudarche na reclamación.
Por tanto, antes de facer a túa solicitude, consulta as CONDICIÓNS de participación.
COTA DE PARTICIPACIÓN
A cota de participación é de 110€ (82,50€ no caso de acollerse a algún dos descontos).
Descontos (non acumulables):
- Carné xove: -25% na cota de participación.
- Carné de familia numerosa: -25% na cota de participación.
- Familia monoparental: -25% na cota de participación.
- Familia de acollida: -25% na cota de participación.
Esta cota de participación inclúe:
- Os gastos de manutención, aloxamento, os derivados das propias actividades dos campos unha vez producida a incorporación ao campo e máis o seguro de accidentes e responsabilidade civil.
Lembra que, se es titular de Carné xove (debidamente activado), co teu carné tes asociado un seguro de asistencia en viaxe. Podes consultar toda a información en: carnexove.xunta.gal
Non inclúe:
- Os gastos ocasionados pola viaxe (ida e volta) ata o lugar de celebración do campo, que correrán a cargo da persoa voluntaria.
- A cota extra de participación naqueles casos onde se estableza pola organización estranxeira.
Algúns campos de voluntariado, pola súa temática, acceso, localización, aloxamento ou calquera outra peculiaridade especial, teñen un custo adicional ou COTA EXTRA que a persoa voluntaria deberá satisfacer a organización estranxeira á CHEGADA O CAMPO, salvo indicación contraria. Esta cota extra que aplican discrecionalmente algunhas organizacións estranxeiras, especifícase na ficha informativa de cada campo de voluntariado.
ACLARACIÓN: as persoas galegas que soliciten un campo de voluntariado da organización armenia HUJ, estarán exentas de pagar a cota extra especificacada para os seus campos.
COMO SOLICITAR A TÚA PRAZA
A través deste enlace poderás consultar e solicitar os campos de voluntariado no estranxeiro ata un máximo de 3 opcións por orde de prioridade.
ADXUDICACIÓN DE PRAZA
As prazas serán adxudicadas, mentres existan vacantes, por rigorosa orde de recepción das solicitudes.
IMPORTANTE:
- Unha vez adxudicada a praza recibirás un correo electrónico coas instruccións para o pagamento da cota de participación e para formalizar a inscrición máis toda a documentación que deberás presentar cuberta e asinada no prazo de 2 días hábiles que contarán desde o envío do correo electrónico de adxudicación da praza.
- Toda a documentación deberase enviar por correo electrónico ao enderezo: camposdevoluntariado.xuventude@xunta.gal
- Unha vez recibida e revisada esta documentación, confirmaremos por correo electrónico a súa validación e polo tanto a finalización do proceso de inscrición. A partir deste momento poderás considerarte correctamente inscrito/a.
RECOMENDAMOS esperar a recibir este correo electrónico antes de xestionar a compra das pasaxes necesarias para chegar ao punto de encontro.
Se xurdira un imprevisto que che impida participar no campo de voluntariado que teñas asignado, deberás comunicar a túa renuncia o máis axiña posible para liberar a praza e poñela a disposición doutra persoa interesada. Correo electrónico: camposdevoluntariado.xuventude@xunta.gal
TEN PRESENTE: que a NON comunicación dunha renuncia impedirá a participación doutra persoa.
RECOMENDACIONS
Á hora de realizar unha viaxe ao estraxeiro, recomendámosche consultar os seguintes apartados do Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación e do Ministerio de Sanidade:
2.3. Campos de voluntariado noutras CCAA
En preparación